Rompe a negociación da folga na Xustiza
Os sindicatos do sector xudicial galego levantáronse da mesa de negociación coa Xunta despois doutra maratoniana xornada de negociación que arrincou pasadas as 9 horas deste martes cun único receso de dúas horas para comer e que vén precedida dun luns con outras nove horas de conversacións sen avances.
Así, piden un cambio de interlocutor e advirten de que non sentarán máis co director xeral de Función Pública, José María Barreiro, ao que tacharon de "usurpador" da Xustiza e de quen dixo que descoñece o funcionamento desta administración. Barreiro sementou a polémica o luns, cando comparou a situación dos xulgados galegos cos de Venezuela, algo do que culpou aos sindicatos.
"O conflito está máis aberto que nunca", sinalaron os sindicatos, que insistiron en que hai "cero avances". Ademais, urxiron cambiar de interlocutor e que o director xeral de Función Pública non acuda máis ás reunións, ás que tamén asiste o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
A folga indefinida que paraliza os xulgados galegos desde o pasado 7 de febreiro seguirá . A xustiza galega vivirá así unha nova xornada de paro --a undécima efectiva--.
Escribe o teu comentario