Inditex deixa a Ferrol como única cidade galega sen tenda de Zara
A compañía alega motivos de "rendibilidade" para o cesamento da actividade, segundo lle trasladaron ao alcalde
Zara pechará este sábado, día 17 de febreiro, a súa tenda situada nos números 83-85 da rúa Real de Ferrol, urbe que se converterá na única das sete cidades galegas que non contará con esta firma insignia do grupo Inditex.
Sobre iso, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, explicou que foi o director xeral de Comunicacións e Relacións Institucionais de Inditex, Jesús Echevarría, quen lle comunicou, vía telefónica, que o grupo considera que "a rendibilidade desta tenda non é suficiente para mantela aberta".
O rexedor asegurou que tratou de convencer a empresa "do contrario" aínda que recoñeceu que, a día de hoxe, "xa está pechado". Con todo, sinalou que o Consistorio non renuncia a "manter as conversacións que faga falta polo ben do comercio local" e para "tratar de lograr a dinamización do barrio da Magdalena", no que se asenta unha das marcas máis recoñecidas do grupo téxtil.
Na súa intervención, ademais, o rexedor asegurou que esta entidade ten unha actividade "traccionadora" respecto dos comercios do centro de Ferrol, zona na que está situada a tenda, na que o persoal xa leva varios días realizando diversas funcións encamiñadas á baixada definitiva da persiana.
Escribe o teu comentario