Bruno Gama reprocha nunha carta a forma na que saíu do Dépor
"Non era a forma da que me gustaría irme", afirma, aínda que asegura saber "que este non é o Dépor".
Critica a "falta de consideración". Foto: RC Deportivo
"Non era a forma da que me gustaría irme do Dépor", recoñece Bruno Gama nunha carta feita pública coa que se despide da afección e dos seus compañeiros.
O futbolista móstrase crítico coas formas, afirmando que lle comunicaron a decisión de prescindir del "a unhas poucas horas do peche de mercado cunha simple chamada e inmediato correo electrónico".
"Sempre serei un deportivista", proclama na súa despedida.
Ola Deportivistas,
Despois de todo o que vivín neste gran Club non podía non despedirme de vós.
Primeiro, darlles as grazas a todos os meus compañeiros por todos os momentos vividos xuntos nestes anos, tanto no campo e o vestiario como fóra del. Grazas aos fisioterapeutas, readaptadores, corpo médico, utilleros e resto de traballadores cos que compartín tempo en Abegondo, e en especial, darlle as grazas á gran afección do Club que me fixo sentirme apoiado e querido durante todo este tempo, tempo que gocei moito e durante o que vivín momentos inesquecibles MOITAS GRAZAS!
En segundo lugar, quería dicirvos que esta non era a forma da que me gustaría irme do Depor, pois a actitude que tiveron, demostra unha falta de consideración cara ás persoas, contactando co xogador a unhas poucas horas do peche de mercado cunha simple chamada e inmediato correo electrónico. Sei que este non é o Depor, se non algunhas persoas que traballan nel. A pesar de todo, eu quérome quedar cos bos momentos que vivín neste gran Club.
Unha vez máis, darvos as grazas a todos e desexarvos moita sorte, sempre serei un deportivista máis.
Un abrazo forte para todos, Bruno Gama.
Escribe o teu comentario