Santiago acolle a primeira manifestación en Galicia pola equiparación salarial
Policías e gardas civís están convocados este mércores baixo o lema 'igual traballo, igual soldo'.
A Asociación Jusapol convocou este mércores a policías e gardas civís a manifestarse en Santiago de Compostela pola igualdade salarial entre os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Deste xeito, a asociación explica que a cidade de Santiago de Compostela foi a localidade elixida para a primeira manifestación en Galicia de Jusapol.
O obxectivo da mobilización, concretou, "é a equiparación salarial entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Corpo Nacional de Policía e Garda Civil) co resto de Corpos Policiais".
Baixo o lema 'Igual traballo, igual soldo', está previsto, indican os organizadores, que acompañen aos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado representantes de partidos políticos, así como alcaldes da comarca e distintos colectivos do ámbito social e personalidades da vida cultural.
A manifestación partirá ás cinco da tarde da Alameda de Santiago e, tras realizar un pequeno percorrido, finalizará na Praza do Obradoiro, onde se procederá á lectura de diversos manifestos.
Escribe o teu comentario