A neve non acaba de marchar e únenselle a chuvia e o vento
Os problemas de tráfico concéntranse sobre todo en estradas de Lugo. Hai alertas activadas tamén polo estado do mar e por vento.
O paso dunha fronte deixa tamén este martes neve nas zonas de montaña de Lugo e Ourense. A presenza de neve na rede viaria dificulta na mañá desta martes a circulación na autovía A-52 no termo municipal da Gudiña e na A-6 á altura de Pedrafita do Cebreiro.
Así o informaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico, que concretaron que no caso da A-52 hai que circular con precaución entre os quilómetros 112 e 135. Nesa zona está prohibido adiantar a camións.
Ademais, aconséllase precaución entre os quilómetros 438 e 431 da A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro en ambos os sentidos por mor da presenza de neve.
Tamén en Pedrafita, na LU-633, do quilómetro 0 ao 20, está prohibido o tráfico de vehículos pesados e é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno.
Na Fonsagrada continúan as complicacións, aínda que leves, nas estradas 740, 701 e 751.
OUTRAS ALERTAS
No resto da comunidade están activadas distintas alertas por choiva, vento e o estado do mar. Pontevedra ten aviso por precipitacións, xa que se poderán acumular ata 40 litros por metro cadrado. Con aviso amarelo por fenómenos costeiros están Pontevedra e Lugo.
Mentres, o vento forte sopra na Coruña e Lugo e a AEMET activou tamén aviso laranxa por fenómenos costeiros para A Coruña, onde se espera vento ocasionalmente con forza 8 e mar combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros.
Aínda que a previsión era de refachos de ata 90 km/h, o forte vento que sopra na Comunidade galega este martes deixou refachos de 138,5 quilómetros por hora no municipio de Viveiro e de 128,7 na localidade de Cedeira.
Segundo os datos rexistrados por Meteogalicia en municipios con altitude menor a 900 metros como Viveiro e Cedeira, o vento deixou tamén refachos significativos como os 98 quilómetros por hora en Burela (Lugo) e 96,4 en Cariño (A Coruña).
Mentres, en localidades con altitude maior de 900 metros, o vento alcanzou os 96,1 quilómetros por hora en Manzaneda (Ourense), os 92,6 no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, os 75,9 en Muiños --na mesma provincia--, os 68,8 en Rodeiro (Pontevedra) e os 66,9 en Cervantes (Lugo).
Escribe o teu comentario