​A capital cobrarálles unha taxa aos turistas que non durman na cidade

O goberno local defende que "se a Xunta non quere implementar a taxa turística, o Concello vai traballar nun gravame a excursionistas".


|

Flavia ramil marta loisFlavia Ramil e Marta Lois. Foto: Concello de Santiago

O Concello de Santiago de Compostela promove un 'Plan Estratéxico de Turismo' que aposta por un "destino sustentable", polo que inclúe a aposta polo cobro dun gravame municipal a excursionistas que pasen menos de 24 horas na cidade, que analizará nos próximos meses.


En rolda de prensa e a preguntas dos medios, a concelleira de Turismo, Marta Lois, explicou que se estuda a implantación desta taxa municipal a "excursionistas que visitan no día" a capital galega, polo que traballan para "concretar como podería ser ese gravame".


Neste sentido, incidiu en que se trata de "ferramentas tributarias para mellorar a calidade do turismo". "Se a Xunta non quere implementar a taxa turística, o Concello vai traballar nun gravame a excursionistas", defendeu.


Deste xeito, a concelleira resaltou que esperan concretar ao longo deste ano a forma fiscal dese gravame para poder aplicalo o próximo exercicio. "Oxalá o poidamos ter a final deste ano, ese sería o obxectivo", sostivo sobre o gravame a excursionistas.


Sobre iso explicou que teñen que "facer o estudo, facer o cálculo de excursionistas", analizar experiencias noutras cidades, e avaliar cal sería o "gravame idóneo" para fixar a "folla de ruta" de Santiago.


RETOS


A concelleira Marta Lois e a xerente de Incolsa, Flavia Ramil, presentaron o novo plan estratéxico de turismo que aposta por desenvolver un modelo turístico "sustentable" ata 2022 e que define os "principais retos" neste ámbito.


Ramil indicou como primeiro reto a "gobernanza", no marco da que se trata de "replanificar" o modelo turístico de Santiago para favorecer unha nova forma de xestión "máis eficaz" a través da coordinación "real" dos axentes clave con competencias sobre o turismo da cidade.


En segundo lugar, o novo plan marca como reto a descentralización, co fin de buscar novos polos de atracción turística na procura dunha mobilidade máis optimizada dos fluxos turísticos. En terceiro lugar incide no reto da desestacionalización, que pretende abordar a baixa estancia media dos visitantes. 


Así mesmo, o Concello de Santiago avoga por "aumentar a rendibilidade do turismo en Santiago a través dun maior consumo por visitantes, a selección dos segmentos máis prioritarios para o modelo de turismo que se pretende impulsar e lograr unha maior permanencia ao longo de todo o ano". Por iso, defende unha taxa turística, cuxa aplicación depende da Xunta, e un gravame municipal para excursionistas.


Como cuarto reto exponse a sustentabilidade. Neste sentido, o plan aposta por un modelo de desenvolvemento turístico "sustentable social, económica e medioambientalmente".


ENTENDEMENTO


No ámbito social, o plan considera "fundamental" lograr un entendemento entre veciños e visitantes. No aspecto económico defende garantir a distribución da rendibilidade turística por toda a cidade para que os beneficios do turismo repercutan en todo o concello.


Así mesmo, ante o descenso do número de habitantes por diferentes motivos, o plan de turismo de Santiago expón o "reto da xentrificación", que "vai máis aló da propia dimensión turística, xa que se trata dunha problemática de cidade" que, a xuízo do Concello, "require do impulso e coordinación doutros ámbitos con competencias directas nas políticas do Centro histórico, Desenvolvemento urbano e Vivenda".


Con todo, Marta Lois asegurou que se trata dun plan para "empezar xa" algunhas actuacións que se contemplan nos orzamentos municipais porque "facelo todo" supón unha "cantidade elevada". "Imos empezar este 2018", asegurou, para precisar que aborda tanto a preparación para o próximo Xacobeo, como para despois, co fin de que "a cidade estea orgullosa dun turismo sustentable".


relacionada Noriega di que a taxa turística "é un debate que chegou para quedar"
relacionada Unha taxa turística deixaría un millón de euros de beneficio cada ano
relacionada Feijóo e Noriega saen da súa reunión coas mesmas posturas separadas sobre a taxa turística compostelá

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE