'Entrodeiro ou Besta?', a campaña contra agresións sexistas no Entroido
Os promotores sinalan que o problema da violencia sexual en grandes eventos non está "suficientemente percibido e combatido".
Unha campaña co lema 'O meu NON é ou teu NON. Entrodeiro ou Besta?', busca denunciar as agresións sexistas no ámbito festivo do Entroido da provincia de Ourense, "unha das súas festas máis importantes e grandes".
Esta iniciativa sen ánimo de lucro, promovida por tres empresas de consultoría de comunicación, xurdiu ante "a máis que indignante escalada de actos sexistas producidos en grandes eventos" que "desde hai un tempo se converteu nunha importante reivindicación social".
E é que, segundo indicaron os promotores nun comunicado, un informe presentado pola Fundación Salud y Comunidad sinala a violencia sexual como "un dos principais" riscos que corren as mulleres cando saen de festa. Con todo, este "non é suficientemente percibido e combatido".
Neste contexto, a organización da campaña espera que "miles de persoas" acudan aos Entroidos da provincia de Ourense --Xinzo, Verín e Laza, entre outros--, polo que haberá unha "notoria presenza de alcol e outras drogas" que "propician" estes ataques e "sistematizan a falsa idea" de que en Entroido "todo vale".
'O meu NON é ou teu NON. Entrodeiro ou Besta?' está dirixida aos abusadores, pero busca tamén a "complicidade" dos demais homes, para que entendan a mensaxe cando unha muller responda 'NON'. "Que eles mesmos elixan entre ser un 'Entrodeiro', persoa que goza dunha festa marabillosa e libre, ou comportarse como unha 'Besta'", subliñaron.
"Esta é a dicotomía. Cada un elixe, pero sabendo que nos terá a todos os demais enfronte, denunciando, condenando, repudiando", concluíron os organizadores.
Escribe o teu comentario