Sindicatos e profesionais denuncian que os disfraces de 'enfermeira sexy' "nos ridiculizan"
Esixen que se retiren das tendas e chaman aos cidadáns a non usar nin comprar este tipo de pezas de entroido.
O Sindicato de Enfermería de Galicia (Satse) e a Agrupación de profesionais da saúde de Galicia (Prosagal), esixiron a retirada dos disfraces de enfermeira sexy ao considerar que "perpetúan unha imaxe sexista" e "atentan contra a dignidade e imaxe" destas profesionais.
En primeiro lugar, nun comunicado, Satse denunciou que empresas e centros comerciais "seguen recorrendo ao uso de estereotipos sexistas á hora de reflectir a imaxe das profesións de enfermería". Así, puxeron como exemplo o caso dos supermercados Alcampo, que inclúen no seu catálogo para estas datas un disfrace destas características.
"Lonxe de desaparecer, os casos de difusión de imaxes e mensaxes que atentan contra a dignidade das profesionais sanitarias, fundamentalmente enfermeiras, seguen producíndose", denunciou o sindicato, que lembrou que lle pediu ao Ministerio de Sanidade a posta en marcha dun observatorio que traballe para acabar con estes estereotipos.
Pola súa banda, a Agrupación de profesionais da saúde de Galicia (Prosagal), tamén censurou a "reiterada comercialización" destes disfraces que "ano tras ano regresan aos estantes das tendas" e que supoñen un "grave insulto e vexación" contra todas as enfermeiras.
"Estes disfraces ridiculízannos, non contribúen a dignificarnos como profesionais, nin ao respecto obrigado cara a toda profesión que debería reinar en calquera festividade", asegurou Prosagal, que chama aos cidadáns a non usar nin comprar este tipo de pezas de entroido.
Así, pediulles aos galegos que non permitan que, co seu diñeiro, "se sigan perpetuando estes tópicos machistas" e instou aos grupos políticos a lexislar a venda destes disfraces para a súa erradicación do mercado.
Escribe o teu comentario