​A Xunta renova a súa adhesión ao fondo de débeda que Montoro baralla perdoar

|

Reunion consello



O Goberno galego aprobou este xoves o acordo polo que renova a adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira, o mecanismo de financiamento reservado pola Administración do Estado para aquelas comunidades que cumpren os obxectivos de déficit e de débeda.


Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Núñez Feijóo defendeu a adhesión a este fondo polas "condicións vantaxosas" do financiamento. Pero tamén incidiu en que, a diferenza do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), que "é un mecanismo de intervención", ao que se adhire a Xunta non esixe "ningún compromiso nin autorización" por parte do Ministerio de Facenda.


46 MILLÓNS DE "AFORRO"


A Administración galega poderá acceder en 2018 a un importe máximo de 1.400 millóns de euros. O prazo da operación é de dez anos e a maior parte deste importe destinarase a amortizacións de débeda.


O cálculo da Xunta é que se aforrarán outros 46 millóns de euros en intereses de débeda ao beneficiarse neste ano 2018 do Fondo de Facilidade.


REXEITA QUITAS DE DÉBEDA


O presidente da Xunta aproveitou para reiterar o seu rexeitamento a unha eventual quita de débeda ás comunidades ao entender que é "unha formulación moi arriscada" polo "precedente" que sentaría e convencido de que tamén se enviaría unha mensaxe á comunidade internacional "moi débil".


Así se pronunciou tras ser preguntado sobre cal será a postura que manterá na reunión á que Rajoy convocou o vindeiro luns aos 'baróns' e na que, entre outros asuntos, se abordará o financiamento autonómico.


Neste sentido, puntualizou que irá "escoitar". "Reúnenos para falar de varios temas e haberá algo de financiamento, pero tamén outras cuestións", esgrimiu, antes de incidir en que, baixo o seu punto de vista, a cuestión do financiamento abórdase ben en reunións bilaterais coma a que o mantivo con Montoro, recentemente, e no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).


PROPOSTA "BASTANTE NÍTIDA"


En todo caso, reafirmouse en que a proposta de Galicia é "bastante nítida", así como "bastante clara e coñecida", tamén por parte do ministro de Facenda. "Somos unha comunidade que cre nun Estado solidario, é dicir, a solidariedade debe ir acompañada de xustiza territorial", argumentou.


Neste sentido, asegurou que Galicia "non está en contra de axudar" a comunidades con dificultades financeiras e avalou que estas poidan ter "o apoio que necesitan", aínda que iso si, o resto de autonomías, as que si que se axustaron aos criterios establecidos para a xestión financeira, "non poden saír prexudicadas".


relacionada ​Montoro ábrese a perdoarlles ás comunidades créditos que Galicia apenas aproveitou
relacionada ​O financiamento autonómico vai camiño de se converter nunha "guerra" entre territorios

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress