Prisión para Sito Miñanco e outros 20 membros da súa rede
A xuíza deixa en liberdade con medidas cautelares a 9 sospeitosos.
A xuíza da Audiencia Nacional ordeou este mércores o ingreso en prisión provisional do narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, así como doutros 20 presuntos membros da súa organización por delitos contra a saúde pública (tráfico de drogas), branqueo de capitais e organización criminal de extrema gravidade.
Segundo informaron fontes xurídicas, un dos detidos é David Pérez Lago, fillastro doutro coñecido narcotraficante, Laureano Oubiña. Para el, a titular do Xulgado Central de Instrución número 3 tamén acordou prisión incondicional.
Outros nove detidos na 'operación Mito' quedaron en liberdade con medidas cautelares: comparecencias semanais no xulgado, retirada de pasaporte e prohibición de saír do territorio nacional, segundo as citadas fontes.
A maxistrada toma declaración esta tarde a outro dos detidos, o cal se atopa ingresado no hospital. Trátase do presunto 'narco' que disparou contra os policías nunha nave de Madrid durante a operación do luns. Os axentes responderon os disparos e o sospeitoso recibiu catro impactos de bala nas pernas.
FALSOS CRÉDITOS
A organización, segundo a maxistrada, dedicábase principalmente á importación e distribución de substancias estupefacientes (especialmente cocaína) e ao branqueo de capitais. Así, mentres algúns membros da rede encargábanse exclusivamente de facilitar o diñeiro en 'b', un terceiro utilizaba falsos créditos entre familiares para xustificar a entrega dese diñeiro nas súas contas, mentres que outro integrante utilizaba a súa empresa de seguridade para emitir facturas falsas.
As gravacións telefónicas e as pescudas dos investigadores permitiron saber que o movemento de diñeiro da rede proviña directamente das actividades do narcotráfico. En concreto, unha das escoitas realizadas permitiu saber que unha das entregas de diñeiro á trama era superior a 1,8 millóns de euros.
Escribe o teu comentario