Isabel Coixet levará ao cinema a historia de 'Elisa e Marcela'
Contará a historia real das dúas mulleres homosexuais galegas que casaron a principios do século XX.
Isabel Coixet comezará o próximo mes de maio a rodaxe de 'Elisa e Marcela', na que narrará a historia real de dúas mulleres homosexuais galegas que contraeron matrimonio a principios do século XX, segundo recolle Europa Press da web 'El cinéfilo'.
Coixet, galardoada na recente gala dos Premios Goya cos premios a Mellor Película, Mellor Dirección e Mellor Guion Adaptado por 'La librería', contará nesta ocasión con María Valverde e Natalia de Molina como protagonistas da historia de amor destas dúas mulleres galegas.
Está previsto que a película se estree primeiro nos cinemas e posteriormente en Netflix, segundo sinalaron a Europa Press fontes da plataforma, de maneira que seguirá o camiño inverso ao de 'Fe de etarras', de Borja Cobeaga, que se estreou primeiro na dita plataforma e logo chegou ás salas.
Segundo recolle Europa Press de 'La voz de Galicia', que en 1901 publicou a historia, Elisa fíxose pasar por home (Mario) para poder bautizarse e posteriormente contraer matrimonio con Marcela na igrexa. Despois, cando o caso foi descuberto e se converteu en portada de varios xornais nacionais, fuxiron ao Porto.
Escribe o teu comentario