Un Comité Federal marcará os prazos do PSdeG para elixir candidatos
Gonzalo Caballero destaca a "liberdade de acción" das asembleas locais e ve o PSdeG "recuperando o pulso" en Galicia.
Caballero ve ao PSdeG "recuperando o pulso". Foto: PSdeG
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou a "liberdade de acción" das asembleas locais do Partido Socialista para elixir as súas executivas e asegurou que a súa formación está "a recuperar o pulso" para ser alternativa ao Partido Popular en Galicia.
Caballero pronunciouse deste xeito ao ser preguntado pola reestruturación local que o PSOE levou a cabo nas últimas semanas, un proceso que enmarcou na renovación emprendida polos socialistas a todos os niveis e que arrincou coa reelección de Pedro Sánchez como secretario xeral en maio de 2017.
CANDIDATOS
Ademais, preguntado pola posibilidade de que o ex alcalde de Santiago de Compostela Xosé A. Sánchez Bugallo volva optar á alcaldía da capital galega polo PSOE, Caballero asegurou que será o partido e a militancia quen determine os aspirantes.
"Estamos na fase de recuperación orgánica e, cando abramos o proceso de renovación de candidaturas, o partido e a militancia determinarán quen debe ser os candidatos", sinalou para mostrarse convencido de que se escollerá "aos mellores".
Precisamente, para a cita local coas urnas de 2019, Gonzalo Caballero explicou que o PSOE celebrará o próximo 17 de febreiro un Comité Federal no que se establecerán os regulamentos que van determinar como son os procedementos e os prazos para elixir os candidatos e candidaturas.
"A delegación galega estaremos nese comité federal contribuíndo e pendentes de como sexan ese conxunto de regras que imos elaborar para, a partir de aí, en clave galega, poder concretar prazos e candidaturas", indicou.
RECUPERACIÓN
Na súa intervención, tamén aproveitou para destacar que o Partido Socialista de Galicia está "a recuperar o pulso" que lle permite ser "alternativa crible, posible e forte" fronte ao Partido Popular.
Caballero estendeu esta recuperación ao PSOE estatal xa que, na súa opinión, a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) mostra que se "abriu un ciclo de recuperación electoral tras a elección de Pedro Sánchez como secretario xeral".
Escribe o teu comentario