​A contestada reforma sanitaria comeza o seu debate no Parlamento

A oposición censura un "recorte de dereitos" e as "desigualdades demográficas" ás que aboca.


|

Mani sanidade publica quintanaImaxe da manifestación do domingo. Foto: En Marea


O proxecto polo que se modifica a lei de 2008 de saúde de Galicia, que reduce de 11 a sete as áreas sanitarias, iniciou este martes a tramitación parlamentaria entre denuncias da oposición de "recorte de dereitos" e acusacións de "soberbia" ao Goberno galego por facer "oídos xordos" á manifestación do domingo.


No arranque do pleno, o PPdeG rexeitou todas as emendas de devolución da lei, ao tachar de "mantra" as críticas e rebaténdoas con argumentos como que a norma "blinda" a existencia de hospitais comarcais coa creación dos distritos, "potenciará o rural" e non supoñerá "perda de calidade" nin de "proximidade" para o paciente, "senón todo o contrario".


Despois de que En Marea, PSdeG e BNG pedisen a retirada deste debate da orde do día --alteración que foi rexeitada polo voto en contra do PP--, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou o texto destacando que a reforma reportará "beneficios na atención e asistencia dos pacientes".


Coa nova lei, indicou, os centros de saúde e os hospitais comarcais "seguirán prestando unha atención de boa calidade", xa que "o único obxectivo" é "adaptarse ás diferentes realidades que se están producindo no ámbito da sanidade".


"CONTRARREFORMA"


A continuación, na quenda dos grupos, En Marea, a través da súa deputada Eva Solla, cargou contra esta "contrarreforma", que vinculou cun "plan" do Partido Popular "para destruír a sanidade pública", mediante un "recorte paulatino" de dereitos, por exemplo, para "quen vive no rural".


Pola súa banda, o socialista Julio Torrado cualificou esta reforma de "covarde", porque non foi anunciada "nunca", e considerou que este proxecto "oculta cousas" e "o que fai é minorar a calidade do sistema".


En representación do BNG, Montse Prado advertiu que "non é unha modificación menor nin un mero cambio de terminoloxía", senón, na súa opinión, un "auténtico ataque á liña de flotación da sanidade galega". "É a continuación da folla de ruta do PP de desmantelamento", subliñou.


MÁIS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN


No que identifica como un "progresivo cambio de modelo", a parlamentaria da formación rupturista Eva Solla asegurou que a modificación legal á que aspira a Xunta "facilita as portas xiratorias" e dálle "entrada" ás empresas sanitarias en materia de investigación.


Suprimir áreas sanitarias, segundo recalcou Solla, "non é adaptar" o sistema "ás necesidades da poboación", xa que, de ser así, "habería que aumentalas". Debido a que "hai miles de persoas dicíndolles que non teñen a razón", a deputada avisou aos populares de que "ou son uns soberbios ou son uns necios".


"Están as decisións máis lonxe e por tanto afastamos a sanidade do cidadán", aseverou, por parte do PSdeG, Julio Torrado, para quen a reforma da lei de saúde "non resolve", senón que "aumenta" as "desigualdades demográficas" de Galicia.


No seu discurso, Torrado enumerou alegacións e emendas presentadas por numerosos colectivos e organizacións a este proxecto. "Ningunha" aceptada, reprobou a continuación, para preguntarlle ao Executivo autonómico "con quen falou".


A modo de exemplo, apuntou que en Valdeorras ata agora había catro traumatólogos, de acordo cos seus números, e "agora" hai "dous, ás veces un". "E por tanto hai que derivar a persoas a Ourense, a un concertado", lamentou.


Para a nacionalista Montse Prado, existe "soberbia e prepotencia" na Xunta e nos populares, aos que reprochou "non escoitar á inmensa maioría da cidadanía" pero si "á industria farmacéutica, á industria tecnolóxica e á da sanidade privada".


Neste sentido, interpretou que os cambios buscan "converter a sanidade en negocio para uns poucos", pero alertou ao PP de que "xa non conseguen enganar a todos todo o tempo".


O EXEMPLO DE VALENCIA


Na súa intervención, o popular Aurelio Núñez Centeno puxo o exemplo de Valencia, comunidade na que de 24 áreas sanitarias "agora" se pasa a seis.


Xa na rolda de réplica, a oposición lembroulle os "tres imputados e un na cadea" nese territorio, en palabras de Prado, mentres que Torrado ironizou con que non lle parece "que sexa un bo modelo defender o PP en Valencia" e Solla sentenciou que "hai que ter valor para vir falar do País Valencià", no marco do xuízo da trama 'Gürtel'.


Á marxe disto, Núñez Centeno achacou á oposición unha "pretendida superioridade moral" e espetoulles que son eles "os que están a poñer en risco a supervivencia" dos hospitais comarcais.


Neste contexto, mostrou "preocupación" polo "desprestixio" que ao seu modo de ver está a sufrir a sanidade pública galega nun "intento de desgastar o Goberno" por parte de En Marea, PSOE e Bloque, aos que tamén lles atribuíu "manipulación" para mobilizar á cidadanía e o tratar de "furtar" este debate, "negando a lexitimidade" da Xunta "para actualizar a lei".


"FALTA DE DIÁLOGO"


O portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, acusou de "cerrazón" e "soberbia" ao Partido Popular, pola súa "falta de diálogo" tras a manifestación do domingo que reclamou a retirada do proxecto de reforma da lei de saúde de Galicia.


"Quedamos moi sorprendidos pola falta de vontade de diálogo que ten o grupo parlamentario popular e, sobre todo, a vontade de ignorar a poboación que o domingo expresou dunha maneira masiva o seu rexeitamento a este modelo de decreto e ao decreto en si mesmo", aseverou Martín, en declaracións aos xornalistas nos corredores do Parlamento, onde foi saudado polos líderes da oposición.


relacionada Podemos Galicia reta a Almuiña a demostrar que os datos de sanidade son falsos
relacionada A marcha contra a reforma sanitaria: "un antes e un despois" para a oposición
relacionada A manifestación en defensa da sanidade pública logra un apoio multitudinario

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE