A manifestación en defensa da sanidade pública logra un apoio multitudinario
A convocatoria de ‘SOS Sanidade Pública’ congregou a máis de cinco mil persoas, á que acudiron os membros da oposición e sindicatos.
Máis de cinco mil persoas secundaron a manifestación convocada pola plataforma ‘SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela’ na que se retou "" ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que paralice a reforma da Lei de Saúde e manteña un proceso de negociación encamiñado a frear os "recortes" e "privatizacións" na sanidade galega.
A mobilización, iniciada ás 12 do mediodía na Alameda e con presenza de cidadáns das distintas áreas sanitarias galegas e colectivos profesionais, estivo encabezada pola pancarta da plataforma, tras a que se situaron os líderes de En Marea, PSdeG e BNG (Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, respectivamente) xunto cos representantes dos sindicatos CIG, Comisións Obreiras e UXT.
O portavoz da Plataforma, Manuel Martín, denunciou o "desmantelamento dos hospitais comarcais" que asegura que supoñerá a nova Lei de saúde, a situación de "colapso" rexistrado nas listas de espera e na sanidade galega "no seu conxunto" e o progresivo "proceso de privatización" do I+D+i, cos "chiringuitos que se están montando" de xestión privada.
A a actriz Isabel Risco deu lectura ao manifesto da Plataforma na Praza da Quintana, entre cánticos dos presentes de "este goberno é unha mafia", "recortes na pública, diñeiro para a privada" ou "presidente privatizador", e con presenza de pancartas alusivas a Feijóo, como a portada por veciños da zona da Mariña que situaban a súa fotografía nunha cruz, baixo a frase "o Cristo da neve".
Nesta liña, no manifesto afírmase que o proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde "desmantelará os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada á poboación rural", "perpetuará estruturas de xestión integrada que someten á Atención Primaria ás xerencias hospitalarias", "privatizará o I+D+i, acabará coa participación social para o control da Sanidade pública galega que pasará a ser unha pantomima" e "favorecerá a creación de chiringuitos de xestión".
CRITICAS DA OPOSICIÓN
O portavoz da plataforma, Manuel Martín, facéndose eco do "enorme descontento social e profesional que existe co intento de manter os recortes que se produciron nos últimos anos", lanzou o "reto a Feijóo" de manter unha reunión para ver "como paralizar a reforma da Lei e abrir un proceso de negociación no que participe a cidadanía, os profesionais, as organizacións políticas, sindicais e a administración para ver como iniciar un proceso de recuperación dos recortes que se produciron".
Martín agregou que o conselleiro de Sanidade "está amortizado", tras demostrar "unha incapacidade tremenda para xestionar a sanidade pública", polo que insistiu en que "o tema está en mans de Feijóo", que é o que "ten que recapacitar".
Pola súa banda, os membros da oposición tamén mostraron rexeitamento á xestión sanitaria da Xunta. Luís Villares, portavoz de En Marea, manifestou que a cidadanía está "farta das listas de espera, dos colapsos de urxencias, das derivacións á privada, etc”. Gonzalo Caballero, líder dos socialistas, tachou de "fracaso" as políticas sanitarias de Feijóo, por implicar "danos para unha cidadanía que quere unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e próxima". Pola súa banda, Pontón denunciou o "recorte" en "máis de 3.000 profesionais ou 700 camas" nos últimos anos, "con repagos" e con "aumento das listas de espera", e argumentou que o PP e Feijóo usa "a maioría absoluta contra as persoas deste país". CIG, CCOO e UXT tamén participaron na manifestación, mostrando o seu total rexeitamento cara ás políticas de Feijóo, acusándoo de causar “a deterioración” do sistema sanitario galego.
Escribe o teu comentario