Gas Natural Fenosa nomea presidente a Francisco Reynés en substitución de Isidre Fainé
Fainé deixa así a presidencia da enerxética á que accedeu hai preto de ano e medio e pasará a ser presidente de honra emérito.
Fainé, Reynés e Rafael Villaseca. Foto: Gas Natural Fenosa
O Consello de Administración de Gas Natural Fenosa, reunido este luns, acordou, por unanimidade, nomear a Francisco Reynés Massanet novo Presidente Executivo, "co obxectivo de liderar unha nova etapa de transformación e crecemento da compañía".
Así mesmo, tal e como informa a compañía nun comunicado, acordouse o nomeamento de Isidro Fainé Casas como Presidente de Honra," garantindo así a continuidade nos valores de xestión da empresa nestes momentos nos que se enfronta a importantes retos".
Esta decisión enmárcase dentro do contexto de evolución dos modelos de negocio do sector enerxético a nivel global, que afectan especialmente os ámbitos tecnolóxico, regulatorio e dos mercados de capital.
Isidro Fainé felicitou e expresou o seu apoio e respaldo ao novo Presidente Executivo: "É desde a xenerosidade que afronto esta nova etapa profesional, e doulle a benvida ao equipo liderado por Francisco Reynés, porque creo que necesariamente deben ser eles quen impulse o novo Plan Estratéxico que conduza á compañía pola senda da súa transformación e crecemento". E engadiu: " Reynés ten visión, perspectiva, sentido de anticipación e prestixio nos mercados financeiros. Tamén é un directivo que sabe asumir adecuadamente riscos, é un bo comunicador e íntegro na súa vida profesional e persoal".
Francisco Reynés, o ata agora Vicepresidente e Conselleiro Delegado de Abertis, e que colabora profesionalmente de forma directa con Isidro Fainé desde hai máis de 10 anos, desempeñara o cargo de Director Xeral de Recursos de Gas Natural Fenosa no 2006.
O novo Presidente Executivo, que recibiu o encargo do Consello de Administración de liderar a elaboración do novo Plan Estratéxico da compañía, manifestou que "é un reto apaixonante asumir a presidencia executiva de Gas Natural Fenosa, unha empresa á que me sinto especialmente vinculado por pasar xa un período moi feliz da miña vida profesional, nun momento en que o sector enerxético vive cambios importantes no ámbito tecnolóxico e regulatorio a nivel mundial".
Escribe o teu comentario