Inés Rey confésase máis nerviosa nesta precampaña que hai catro anos, cando logrou que o PSdeG volvese á alcaldía da Coruña. Non tanto polas enquisas -que debuxan un escenario moi favorable- como pola responsabilidade de aproveitar unha oportunidade única, a chegada de decenas de millóns de axudas europeas para modernizar a urbe facéndoa máis sostible. As Zonas de Baixas Emisións, o futuro do PSdeG ou as opcións do Dépor de ascender directamente -e o pasado conflito coa directiva- son algúns dos temas desta conversación, parte da serie de entrevistas cos alcaldables urbanos que está a publicar Galiciapress.