A Consellería de Sanidade acepta a maioría das esixencias dos sindicatos na xestión de Ambulancias do Atlántico
Sanidade tamén aceptou intervir novamente no abono de todas as nóminas de maio antes do día 1 de xuño, empregando a mesma fórmula que se usou o mes pasado
Representantes da CIG, CCOO e USO achegaron posturas coa Consellería de Sanidade e o 061 tras conseguir que a administración acepte a meirande parte das súas esixencias na reunión celebrada hoxe en Compostela.
A Consellería de Sanidade mudou a súa estratexia, abandonando o papel de “supervisor” para intervir directamente na empresa Ambulancias do Atlántico. Esta intervención consistirá na contratación de tres profesionais técnicos e administrativos da empresa Tragsa, que a partir da semana que vén encargaranse das tarefas de dirección e administración da empresa.
Con este nomeamento, a Consellería cumprirá cos seguintes puntos da listaxe de peticións da CIG, CCOO e USO:
-Entregar a totalidade das nóminas que non foron facilitadas ao persoal traballador no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2023.
-Refacer unha a unha todas as nóminas de todo o cadro de persoal no período comprendido entre xaneiro e abril de 2024 para poder coñecer a diferenza e calcular canto se debe ao persoal traballador.
A Consellería de Sanidade aceptou intervir novamente no abono de todas as nóminas de maio antes do día 1 de xuño, empregando a mesma fórmula que se usou o mes pasado. Representantes da Consellería de Sanidade informaron que hai máis dunha empresa interesada no contrato de emerxencia do servizo urxente e aceptaron convocar unha reunión a semana que vén na que estarán presentes a representación da nova empresa adxudicataria, a RLT e a administración. O contrato estará adxudicado antes do mércores da vindeira semana.
Nesta reunión negociaranse as condicións de subrogación no referente ao persoal, finiquito, condicións de traballo, necesidades de vehículos, centros de traballo e uniformidade. Representantes da Consellería de Sanidade confirmaron que a dotación económica do novo concurso urxente inclúe o importe necesario para facer fronte á paga de regularización recollida no Convenio Colectivo, polo que se comprometeron a trasladar á nova empresa adxudicataria a obriga de comezar a abonar mensualmente a paga.
A Consellería de Sanidade comprometeuse a executar os avais depositados por Ambulancias do Atlántico para facilitar o cobro dos atrasos que se lle deben ao persoal traballador. Ademais, aceptou iniciar un contrato de emerxencia do servizo programado no caso de que o 31 de maio non se presente ningunha empresa. Con esta medida acurtaranse os prazos para que unha nova empresa se faga cargo do servizo.
Tamén se comprometeron a retirar para a súa corrección o documento de listaxe de subrogación, que se negociará coa RLT. A Consellería de Sanidade aceptou crear unha mesa autonómica para o seguimento dos contratos públicos do transporte sanitario, na que estarán presentes, ademais da administración, representantes da patronal e das organizacións sindicais.
Por último, a Consellería de Sanidade aceptou levantar acta onde se recollan os acordos alcanzados coa CIG, CCOO e USO expostos anteriormente.
Escribe o teu comentario