A CRTVG non "acredita de forma suficiente" falta de medios propios para externalizar directos
O Consello de Contas sinalou que a CRTVG (actual CSAG) realizou un informe de fiscalización relativo á contratación do servizo de produción e transmisión de sinal de directos da compañía, correspondente aos exercicios 2018, 2021 e 2023
O Consello de Contas sinalou que a CRTVG (actual CSAG) "non acredita de forma suficiente" falta de medios propios para externalizar as producións e transmisións de sinal de directos e tampouco "optimizou os medios propios dispoñibles" para a prestación deste servizo.
Así se recolle nun informe de fiscalización relativo á contratación do servizo de produción e transmisión de sinal de directos da compañía, correspondente aos exercicios 2018, 2021 e 2023.
O traballo, destacou Contas, examina o cumprimento da normativa de contratación pública e analiza determinados aspectos vinculados á eficacia e eficiencia na prestación do servizo.
Así, na análise do cumprimento normativo, o documento "non cuestiona a posibilidade legal de externalizar o servizo", pero expón que a CRTVG "non acreditou de forma suficiente a inexistencia de medios propios", un requisito que, tal e como lembra Contas, requírese para fundamentar a externalización.
Nesta liña, o Consello tamén ve "insuficiente motivación" nos criterios de adxudicación" e na "utilización de subcriterios de valoración pouco definidos, de carácter amplo e sen ponderación individual".
Sobre a eficiencia, o texto sinala incidencias relacionadas coa determinación dos orzamentos base de licitación, incluída a fixación dun prezo global independente da tecnoloxía finalmente utilizada.
Ademais, o órgano fiscalizador detectou falta de publicidade tanto das prórrogas ordinarias como das extraordinarias no perfil de contratante.
PROPOSTAS DE MELLORA
No informe, Contas propón á compañía pública melloras como avanzar na planificación da utilización de recursos persoais e materiais propios e promover unha maior concorrencia nas licitacións.
Tamén suxire motivar "adecuadamente" a elección dos criterios de adxudicación, fixar as puntuacións ou bandas aplicables aos subcriterios avaliables "mediante xuízo de valor, detallando regras claras para a súa valoración", e objetivar os elementos tidos en conta para emitir o xuízo de valor.
No caso de que o procedemento incorpore fases con limiares mínimos, propón aplicalos preferentemente a criterios automáticos e valorar, se procede, a creación dun Comité de Expertos, así como planificar con tempo suficiente os expedientes para evitar prórrogas innecesarias.
Do ámbito de eficiencia e economía, o Consello de Contas recomenda coñecer o nivel real de servizos prestados en relación co custo global, para evitar gastos excesivos; asignar con criterios de eficiencia o persoal propio dispoñible; estudar a procedencia da cobertura estable das necesidades permanentes e identificar os recursos materiais propios utilizables e comparar custos das opcións externas.
Tamén propón determinar previamente un limiar de rendibilidade que xustifique o prezo global e mellorar as técnicas orzamentarias para favorecer aforros económicos.
ALEGACIÓNS CSAG
Nas alegacións formuladas pola CSAG ao anteproxecto deste informe, a compañía cre que o documento "parte un xuízo a priori" e busca "procurar argumentos que confirmen unha tendencia de opinión determinada".
Do mesmo xeito, na súa opinión, empréganse "eventuais xuízos de intención", ademais de "xuízos de valor pouco respectuosos" e "generalizaciones obxectivamente discutibles".
Por estes e outros motivos, a Corporación entende que o anteproxecto de informe podía "adoecer en fondo e forma en determinadas pasaxes da debida consideración da contorna institucional e non transmitir inequivocamente a obxectividade e imparcialidade de xuízo que lle é preciso".
Escribe o teu comentario