Incendio na planta -5 dun garaxe da Coruña calcina varios vehículos e deixa un ferido
A persoa afectada resultou ferida leve e foi asistida por intoxicación por fume.
Un incendio nun garaxe situado na Praza Médico Anxo Ron Fraga, na cidade da Coruña, deixou a unha persoa ferida leve --foi trasladada por intoxicación por fume-- e varios vehículos afectados.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 21.45 horas deste martes, tras recibir varias chamadas de particulares que alertaban da presenza de abundante fume no patio de luces dos inmobles e dun forte cheiro a queimado.
De inmediato, desde o 112 Galicia deuse aviso aos bombeiros da Coruña, así como aos axentes da Policía Nacional e da Policía Local.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron que o lume estaba na planta -5 do garaxe. Como consecuencia do incendio, dous vehículos resultaron calcinados, mentres que outros coches se viron afectados pola calor e o fume.
Ademais, unha persoa tivo que ser trasladada a un centro hospitalario de referencia polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por unha intoxicación leve por inhalación de fume.
Escribe o teu comentario