O venres nevará en gran parte de Galicia, poida que tamén en cidades como Santiago e Lugo
As primeiras alertas polo probable temporal de neve que vivirá Galicia o fin de semana empezan a chegar a tres días vista. AEMET acaba de decretar alerta amarela o venres en partes de Lugo e Ourense por neve.
En concreto, prevé “acumulación de neve en 24 horas: 10 cm” na montaña de Lugo e Ourense. No sur de Ourense, algo menos, 4 centímetros de neve.
Haberá por tanto paisaxes nevadas en comarcas como A Limia, Monterrei, Ou Courel, Valdeorras, entre outros. Son zonas polas que discorren as autovías coa Meseta, que poden experimentar problemas para circular.
Eses son os lugares onde caerá tanta neve que é susceptible de declarar unha alerta pero ollo, pode nevar en gran parte do país. E é que a actual previsión de AEMET fala de “cota de neve baixando de 700-800 metros até 400 metros ao final do día”.
Isto implicaría que vai nevar moi probablemente en lugares como Lalín, A Estrada, Rábade, moi preto da capital de Lugo, Allariz, moi preto de Ourense, Monforte ou toda a comarca da Terra Chá. Tamén en parte dos municipios de Touro ou Toques, próximos a Santiago.
No referido a cidades , AEMET estima por agora un 45% de posibilidades de neve en Santiago de Compostela e na periferia de Ourense cidade; un 65 % en Lugo capital.
O venres será, ademais, un día moi desapracible na costa, con todo o litoral en alerta laranxa por fortes ventos e ondas.
A previsión para o venres de AEMET é de "temperaturas en descenso moderado, máis marcado nas máximas e con mínimas ao final do día". Ollo ao volante por estrada secundarias, porque haberá "xeadas débiles en gran parte de Ourense, salvo o Miño, e en áreas montañosas, que poderán ser moderadas en cotas altas". As máximas non pasarán dos 10 graos, as mínimas, ao redor dos ceros graos.
Meteogalicia aínda non publicou as súas alertas para o venres, publicaraas en breve. Este é o seu mapa do tempo para os próximos días:
Predición para mércores e xoves
Antes da probable chegada da neve, Galicia capeará un mércores e un xoves de temporal de choiva.
Este mércores , o paso de baixas presións deixará unha xornada de ceos cubertos e precipitacións xeneralizadas, máis intensas na metade occidental. A cota de neve roldará os 1.000 metros pola noite, segundo Meteogalicia, e as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso durante a xornada. Os ventos, do oeste-suroeste, serán moi fortes no litoral e zonas altas. Hai alerta amarela en toda a Galicia atlántica por acumulación de choivas, aviso que se repite o xoves. Esta xornada, o máis perigoso é a alerta vermella no mar, no tramo costeiro desde Estaca de Bares até Arousa.
O xoves, unha fronte activa cruzará o territorio galego na segunda metade do día. Espéranse choivas máis persistentes e intensas especialmente no sur e oeste da comunidade, coa cota de neve descendendo até os 600-700 metros ao final da tarde. Os termómetros baixarán lixeiramente e o vento soprará con forza, especialmente durante o paso da fronte. Seguirá habendo alerta vermella na costa coruñesa.
O venres, a situación empeorará coa aproximación dunha profunda borrasca situada ao sur de Irlanda, que deixará neve a partir de 400 ou 600 metros, chuvascos dispersos, tormentas e saraiba en varios puntos. As máximas non superarán os 8 ou 9 graos nas principais cidades: 8 °C na Coruña, 6 °C en Santiago, 4 °C en Lugo, 9 °C en Vigo e Pontevedra, e 7 °C en Ourense.
As autoridades recomendan extremar a precaución nos desprazamentos e evitar as zonas costeiras expostas, especialmente durante o venres. Desde os servizos meteorolóxicos lémbrase que a situación podería evolucionar e as alertas modificar en función da intensidade da fronte que atravese a comunidade entre o xoves pola noite e o sábado pola mañá.
O fin de semana a situación apunta a que seguirá o risco de neve. Para o sábado AEMET fala de “cota de neve ao redor de 400 metros no interior e 600-700 en zonas do litoral” con “temperaturas sen cambios significativos”. É dicir, mínimas ao redor dos cero graos nas capitais de provincia do interior e máximas que non chegarán a 8. O domingo espérase que o termómetro se recupere algo, pero moi levemente, a penas un par de graos as mínimas.
Escribe o teu comentario