Os avisos por calor esténdense este sábado por toda Galicia, con alerta laranxa na conca do Miño
O episodio de calor intensificarase este sábado en Galicia coa entrada de aire cálido en superficie acompañado da aproximación de aire frío en altura, o que podería provocar a formación de tormentas no interior
Os avisos por calor en Galicia estenderanse este sábado a case a metade do territorio galego, onde se esperan altas temperaturas que poderían alcanzar os 40 graos centígrados na conca do río Miño.
Así, toda a provincia de Pontevedra estará este sábado en alerta por calor, un aviso que será amarelo na costa e o interior e laranxa na conca do Miño.
A alerta laranxa tamén estará activa no resto da conca do Miño ao seu paso pola provincia de Ourense, onde se espera que o mercurio poida elevar até os 40ºC.
Os avisos por calor afectarán o resto da provincia ourensá salvo á montaña, mentres que o sur será a única zona de Lugo na que haberá alerta por altas tempraturas.
Na Coruña, o aviso afectará ao longo de toda a xornada ás zonas do interior, nas que se esperan temperaturas de 34ºC ou máis durante as horas centrais do día.
TORMENTAS NO INTERIOR
O episodio de calor intensificarase este sábado en Galicia coa entrada de aire cálido en superficie acompañado da aproximación de aire frío en altura, o que podería provocar a formación de tormentas no interior.
Nun comunicado, a Consellería de Sanidade lembra á cidadanía a importancia de hidratarse e evitar a inxesta de bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou azucaradas.
Tamén recomenda comer froitas e verduras, así como prescindir de comidas copiosas, vestir adecuadamente con roupa e calzado fresco e transpirable; e permanecer en espazos ventilados ou acondicionados.
Escribe o teu comentario