Unha investigadora da NASA fala con alumnado ourensán grazas ao programa Aquae Stem
A doutora en Matemática Aplicada, Ariadna Farrés, quen traballa actualmente na NASA, tivo un encontro virtual coas alumnas do colexio 'Luis Vives' que participan no programa educativo Aquae STEM
O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller e, con ese motivo, o programa educativo Aquae STEM, desenvolto en Galicia por Viaqua e a súa fundación (Fundación Aquae), organizou un encontro en liña cunha investigadora da Nasa, ao que se uniron preto de 700 alumnos de toda España, dos cales medio centenar foron alumnos e alumnas do colexio Luis Vives de Ourense, participante neste programa. Ariadna Farrés, especialista en Astrodinámica no Goddard Space Flight Center (GSFC) da NASA e doutora en Matemática Aplicada pola Universidade de Barcelona (UB), foi a convidada para compartir a súa experiencia co alumnado.
Como parte do seu traballo na axencia espacial americana, actualmente está embarcada no chamado proxecto Hypatia, que estuda como serían as condicións de vida en Marte para unha hipotética futura
presenza humana. No marco deses estudos, Ariadna Farrés participou en 2023 nun interesante experimento, pasando 12 días xunto a outras oito científicas nunha contorna hostil como o deserto de Utah (Estados Unidos), simulando as mesmas condicións coas que, algún día, poderían vivir os futuros habitantes do planeta vermello.
Durante o webinario, puido compartir coas nenas as súas motivacións para converterse nunha profesional STEM, así como responder a todas as preguntas que lle realizaron sobre esta experiencia marciana na Terra e sobre outras cuestións do seu traballo no centro aeroespacial de EEUU. Representantes do Concello de Ourense e de Viaqua achegáronse ao Colexio Luis Vives para participar no encontro en liña. Por parte do Concello acudiron ao centro educativo para acompañar ás alumnas, a Concelleira de Educación, Tamara Silva.
En representación da empresa a xerente de Ourense, Ana Tejeiro, e a directora de Desenvolvemento Sostible, Leticia Rodríguez. A xerente de Viaqua destacou o “inspiradores que son estes encontros para as nenas ao poder preguntar e ver de preto a mulleres que chegaron tan lonxe nos seus campos”. Pola súa banda, Leticia Ródríguez, quixo poñer en valor “o compromiso de Viaqua por levar a cabo estes webinars durante máis de catro anos” e o “impacto positivo nas xeracións futuras”.
Sobre o programa AquaeSTEM
Desde 2020, os webinars de Aquae STEM tiveron o privilexio de contar con mulleres profesionais de todos os ámbitos. Nos dous encontros previos deste curso 23-24, por exemplo, as estudantes puideron coñecer a Gisela Baños, Física Teórica, autora de ciencia ficción e coñecida experta e divulgadora deste xénero narrativo na plataforma Twitch, e á meteoróloga Isabel Moreno, que actualmente informa no programa 'Aquí la Tierra de RTVE'.
Actualmente estase desenvolvendo en 7 colexios de Galicia: o colexio Santa María Maristas e o Plurilingüe Luis Vives de Ourense, de Pontevedra o colexio Os Salgueiros e Santo André de Xeve e de Santiago de Compostela o colexio Vilas Alborada, o Colexio San Jorge e Casa do Neno, impactando directamente a preto de 800 estudantes galegos de primaria, dos cales ao redor de 400 son nenas.
Escribe o teu comentario