Sanidade nega estar retirando vacacións ao persoal sanitario en Vigo
O SERGAS responde así ao sindicato SATSE quen denuncia que non se cubren as vacacións das enfermeiras en Vigo
O Servizo Galego de Saúde respondeu cunha nota ás alegacións do sindicato SATSE que denuncian a falta de cobertura das vacantes por vacacións. Desta maneira o departamento dirixido por Gómez Caamaño resalta que o SERGAS sempre busca compatibilizar o dereito ao descanso dos profesionais garantindo, en todo caso, a asistencia sanitaria aos pacientes.
Pola súa parte, a Área Sanitaria de Vigo sempre intenta cubrir as ausencias dos profesionais de enfermería, ben con contratos de substitución ou recorrendo a profesionais que aceptan prolongar a súa xornada voluntariamente. Por este motivo, ditas profesionais acaban percibindo as correspondentes retribucións polo traballo de reforzo realizado.
O SERGAS sinala que non se están denegando vacacións ao persoal. As vacacións que solicitan os profesionais da Área Sanitaria de Vigo concedéronse sobre a base dunha planificación previa. Esa planificación realizouse conforme ao establecido nas instrucións de vacacións e permisos da Área Sanitaria, conxugando os dereitos do persoal coa necesidade de blindar a cobertura asistencial.
Só en determinados casos, de xeito puntual e debido ás necesidades do servizo, pode postergarse o desfrute de días de libre disposición. Segundo o SERGAS esta é unha posibilidade que está recollida en dita instrución para períodos concretos cunha gran concentración de ausencias de titulares e insuficiencia de profesionais substitutos. As vacacións dos profesionais, en todo caso e como se ten dito, non se están denegando.
O SERGAS engade ademais que un dos seus obxectivos é a redución da temporalidade no emprego. Así, dende o pasado mes de maio a Área Sanitaria de Vigo incorporou a máis de 850 profesionais con praza en propiedade, destacando o nomeamento de 335 persoas para enfermaría e o de 167 personas como técnicas en coidados auxiliares de enfermaría.
Deste xeito, avánzase no obxectivo da estabilización no emprego dos profesionais sanitarios nos centros da Área Sanitaria de Vigo. “É un paso máis no importante esforzo na procura de potenciar a estabilidade laboral do persoal temporal”.
Ademais disto, o Servizo Galego de Saúde manterá operativas o 91,7% das camas dos hospitais públicos galegos durante o verán, “3 puntos máis que o pasado ano”, e dispoñibles o 100% se así o require a demanda asistencial.
Por último, lembran que a planificación asistencial do verán faise tendo en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, isto é debido á redución estacional de patoloxías e a correlativa redución de ingresos por enfermidade.
Escribe o teu comentario