SERGAS logra 9 sanitarios para Ourense pagándolles 1.250€ a garda diaria, pero aínda se necesitan máis
O persoal de urxencias está composto por 27 persoas pero os traballadores estimaron que faría falta entre 12 ou 14 máis. O problema de falta de galenos neste departamento ten que ver co problema que España e Galicia arrastran desde hai anos de insuficientes médicos de familia, que é a especialidade que atende en urxencias. O SERGAS lanzou outra convocatoria, para médicos doutras especialidades de Ourense, que non logrou captar os suficientes sanitarios.
A Xunta ofreceu incentivos como pagar as gardas de sete horas 500 euros, 1.250 por 24 horas.
Un total de 9 facultativos do Servizo Galego de Saúde prestáronse voluntarios para "cubrir ocos" do servizo de Urxencias de Ourense, afectado por falta de persoa, o que, dixo o conselleiro, Xullo García Comesaña, permite transmitir á poboación que a cobertura "vai estar garantida".
En resposta a preguntas dos medios, o conselleiro lembrou que a situación deste servizo en Ourense "deriva dunha serie de circunstancias" como son reducións de xornada, algunha baixa e as vacacións dos facultativos.
PETICIÓN A OUTROS HOSPITAIS
Ante esta situación, o Sergas "pediu a colaboración" tanto dos profesionais do propio centro hospitalario como do resto de hospitais de Galicia para cubrir as ausencias durante o mes de agosto. O conselleiro agradeceu a resposta dos médicos que se prestaron voluntariamente a esta posibilidade e dixo que un total de 9 persoas "van cubrir eses ocos" no mes de agosto.
Por iso, quixo transmitir aos cidadáns de Ourense que, "con este esforzo", desde a consellería están "seguros de que as presenzas van estar gartantizadas".
Escribe o teu comentario