Publicada a contratación en réxime de concerto social de máis de 300 prazas en centros de día públicos de alzheimer
A Xunta destina un orzamento de 18,5 millóns de euros a esta modalidade de contratación
O DOG publicou esta semana a asignación en réxime de concerto social de 314 prazas en centros de atención diúrna de alzheimer de titularidade autonómica.
Segundo explicou o Goberno autonómico nun comunicado, destínase un orzamento de 18,5 millóns de euros, o que permitirá empregar por primeira vez esta modalidade de contratación que garanta a estabilidade na prestación do servizo.
Estes concertos terán unha duración inicial de catro anos e poderán renovar até un máximo de dez. Concretamente, este instrumento do concerto social aplicarase nas prazas de atención diúrna ás persoas con alzheimer e outras demencias neurodegenerativas que a Xunta de Galicia ten en Ferrol , Ribeira, Lugo, Viveiro, Ourense, Moaña, Pontevedra e Vigo.
Segundo detallan, trátase de garantir a estabilidade tanto destas entidades como para as persoas usuarias destes servizos, pois esta concentración directa "supón unha continuidade na prestación do servizo actual, o que se traduce nunha atención de calidade e centrada no usuario".
Escribe o teu comentario