Urxe vacinar canto antes aos maiores de 60 e grupos de risco, insiste a Unión Europea
A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, pediu este luns aos gobernos europeos que aceleren a administración dunha segunda dose de reforzo da vacina contra o coronavirus á poboación maior de 60 anos e a pacientes de alto risco, en liña coas recomendacións emitidas pola Axencia Europea do Medicamento (EMA) e do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC).
O aumento de casos está a facerse notar especialmente nos hospitais. Só en Galicia son máis de 900 os ingresados por Covid. A maioría maiores de 60, franxa coa maior incidencia.
Ás recomendacións emitidas pola Axencia Europea do Medicamento e do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades súmase agora a de Bruxelas, preocupada polo escenario actual.
A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, pediu este luns aos gobernos europeos que aceleren a administración dunha segunda dose de reforzo da vacina contra o coronavirus á poboación maior de 60 anos e a pacientes de alto risco, en liña coas recomendacións emitidas pola Axencia Europea do Medicamento (EMA) e do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC).
"Non hai tempo que perder", advertiu a comisaria nun comunicado difundido tras as novas recomendacións das axencias europeas e no que tamén instou aos cidadáns "elegibles" a acudir aos centros de vacinación para recibir a nova dose.
"É a maneira de protexernos, de protexer á nosa contorna e á poboación vulnerable", continuou Kyriakides, nun momento no que o Executivo comunitario apunta un "agravamento das infeccións" en toda a UE á vez que inicia o período vacacional no que se multiplican os desprazamentos e contactos.
"SEGUEN SENDO MOI EFICACES"
Bruxelas recalca que as vacinas autorizadas na Unión Europea contra o coronavirus "seguen sendo moi eficaces" como instrumento para reducir as hospitalizacións vinculadas á pandemia, o número de pacientes con síntomas graves e as mortes a pesar da aparición de novas variantes.
Neste sentido, a comisaria de Saúde recalcou que as vacinas "ofrecen bos niveis de protección" contra os casos graves e os ingresos e instou "a todos" a vacinarse e poñerse o reforzo "canto antes" para evitar que sigan aumentando os casos durante o verán.
Escribe o teu comentario