Seis meses de cárcere por agredir cunha puñada á mandíbula a un TES do 061 en Ourense
A Formacion Sindical de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (FS-TES), que denunciou os feitos, celebra o fallo polo que o agredido terá que ser indemnizado con 1.650 euros.
O goteo de agresións a profesionais da sanidade galega foi unha constante nos últimos anos. Xa sexa mediante insultos ou violencia física, son moitos os colectivos que compoñen a sanidade galega os que denuncian o aumento deste tipo de situacións, que comezaron a chegar aos xulgados, onde a Xustiza se está pronunciando con man dura sobre os agresores. O último exemplo atopámolo nunha condena na Sección do Penal do Tribunal de Instancia de Ourense, cunha agresión a un Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES).
SENTENZA
A sentenza foi celebrada desde a Formacion Sindical de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (FS-TES), que se fixo eco do fallo polo que condenan á persoa que agrediu a un técnico do 061 a seis meses de cárcere e a abonar unha indeminización á vítima.
Para FS-TES, que levou o caso aos tribunais, isto supón un exemplo da "política de tolerancia cero coas agresións" que vén abanderando o colectivo. Os feitos remóntanse a outubro de 2023, cando nunha intervención nun local de Ourense o agresor, que estaba a ser atendido polos TES, propinou unha puñada na mandíbula ao profesional da ambulancia de transporte urxente desprazada ao lugar.
Desde o sindicato recalcan que o agresor mostraba "comportamentos violentos" e "agresivos" que cristalizaron na agresión ao técnico que lle produciu "unha contusión mandibular e unha contractura muscular cervical". "Como consecuencia das lesións o técnico agredido necesitou asistencia médica e permaneceu un mes en situación de incapacidade temporal", detallan.
A sentenza fixa, ademais dos seis meses de prisión -castigo que quedou en suspensión en cumprimento do resto de sancións e de que non cometa un delito nos próximos dous anos-, unha multa de 120 euros e unha indemnización de 1.650 euros en concepto de responsabilidade civil.
Escribe o teu comentario