Abrir a PAC en sábado, o último movemento do SERGAS que indigna e enfada aos sanitarios
SATSE foi o último sindicato en pronunciar ao anuncio da Consellería de Sanidade e anuncia mobilizacións.
Co propósito de desconxestionar a situación de colapso na Atención Primaria, a Consellería de Sanidade propón unha modificación no decreto que regula a apertura dos Puntos de Atención Continuada. A previsión é que o cambio permita a actividade tamén os sábados pola mañá, sen que isto sexa considerado un horario extraordinario como viña facendo, cunha mellor remuneración para esa quenda, que pasará a ser considerado parte da xornada propia dos profesionais sanitarios. Unha iniciativa que non caeu ben no colectivo de médicos e enfermeiras.
PROTESTAS
O Sindicato de Enfermaría SATSE foi o último en pronunciar en contra desta medida e faio coa convocatoria dunha mobilización o venres 27 de marzo ante a Consellería de Sanidade, que xa hoxe viviu unha sentada dos sanitarios convocada pola CIG, que hoxe celebra unha nova xornada de paros no SERGAS, proxectando máis folgas os días 9 e 23 de abril.
SATSE ábrese a revisar o modelo, pero non cre que resulte adecuada a proposta de Sanidade de realizala de maneira "impositiva", porque as medidas deben "garantir a calidade asistencial e a axeitada dotación e retribucións do persoal".
"O anteproxecto, na súa redacción actual, non garante a suficiencia dos recursos nin a seguridade na atención, só provoca un empeoramento das condicións de traballo das profesións de PAC sen ningunha contraprestación", abundan, reclamando diálogo entre as partes para atopar unha solución.
Esta é unha tese compartida en gran medida polo Sindciato Ou'Mega, que onte, en conversación con este diario, manifestou a súa oposición á proposta. "Agora estaban a pagar un suplemento por facer ese sábado, pero vano a meter na xornada. Tennos bastante enfadados. Significa facer máis horas en fin de semana que antes e contando como un día normal, coma se fose un martes pola tarde", critican desde Ou'Mega sobre un novo conflito na sanidade galega, xusto despois de desconvocar a folga indefinida en Primaria que durou case un mes.
Escribe o teu comentario