PSdeG reclama "pór fin" de forma "urxente e con orzamento definido" ao colapso das urxencias
Tal e como trasladou a deputada socialista Elena Espinosa, a situación de "sobresaturación xeneralizada" está a ter "consecuencias directas" na atención á cidadanía e no propio funcionamento do sistema sanitario
O Grupo Socialista de Galicia rexistrou no Parlamento unha batería de iniciativas para solicitar un plan "urxente e con orzamento definido" para "pór fin" ao colapso das urxencias hospitalarias.
Tal e como trasladou a deputada socialista Elena Espinosa nun audio difundido aos medios de comunicación, a situación de "sobresaturación xeneralizada" está a ter "consecuencias directas" na atención á cidadanía e no propio funcionamento do sistema sanitario.
Segundo sinalou, en centros como Montecelo, a presión asistencial foi tal que tiveron que reprogramar intervencións cirúrxicas non urxentes; en Santiago, con xornadas de "máis de 500 persoas atendidas", repetíronse escenas de pacientes en corredores; e na Coruña, os profesionais denuncian "tempos de espera inasumibles".
Así mesmo, Espinosa incidiu en que a área sanitaria de Vigo, soporta a "maior presión asistencial", e os traballadores tiveron que convocar paróns diarios ante un escenario que consideran "#insosteible".
Fronte a iso, a socialista explicou que a Xunta insiste nun "discurso alleo á realidade" e que o titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmou na súa comparecencia do pasado oito de xaneiro que o sistema "respondeu con normalidade e sen incidencias destacables".
Unhas declaracións que, subliña Espiñenta, evidencian "unha perigosa desconexión entre o relato oficial e o que está a ocorrer nos hospitais".
"As urxencias levan tempo soportando unha presión estrutural derivada do enfraquecemento da atención primaria, que deixou de funcionar como porta de entrada real ao sistema sanitario, trasladando ás urxencias casos que deberían ser atendidos no primeiro nivel asistencial", salientou.
Por todo iso, a batería de iniciativas rexistradas insta á Xunta a elaborar e presentar, nun prazo máximo de tres meses e con orzamento definido, un plan integral de actuación para os servizos de urxencias galegos, que inclúa un "reforzo estrutural e suficiente dos recursos humanos".
Ademais, reclamou "medidas reais" para fortalecer a atención primaria e evitar que as urxencias sigan asumindo casos leves e enfermidades comúns que "non lles corresponden".
Escribe o teu comentario