Vixiantes de seguridade protestan este mércores ante a Consellería de Sanidade para denunciar as agresións
A protesta está programada para este mércores 7 de xaneiro ás 11:30 horas.
Como xa ocorreu ante o Hospital Universitario da Coruña o pasado 22 de decembro, os vixiantes de seguridade galegos están chamados a concentrar este mércores 7 de xaneiro ante a Consellería de Sanidade, ante a que denunciarán a indefensión do colectivo tras o goteo de agresións sufridas nos últimos meses polos profesionais da seguridade privada en instalacións do SERGAS.
PROTESTAS NA Coruña E SANTIAGO
A Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) e a Unión Xeral de Traballadores (#UXT) convocan ao colectivo ás 11:30 horas deste mércores ante a Consellería de Sanidade na que será a segunda data dun calendario de mobilizacións que, ademais do CHUAC e a Consellería, ten previsto levar as protestas até o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela ao longo deste mes de xaneiro.
"A mobilización convócase ante a grave situación de inseguridade que sofre o persoal de seguridade privada nos centros sanitarios públicos de Galicia, agravada polo incremento de agresións, falta de medios, ausencia de protocolos eficaces e abandono de responsabilidades por parte da administración", denuncian desde a FTSP-USO, onde recalcan "o papel esencial que desempeñan na sanidade pública" os profesionais que salvagardan tanto a sanitarios como a usuarios da sanidade pública galega.
Javier Souto, secretario de organización de FTSP-USO en Galicia en conversación con Galiciapress, recalcou o mes pasado a cantidade de agresións que sofren os vixiantes, co último episodio no Hospital de Oza, onde un profesional da seguridade privada resultou ferido de consideración tras o ataque dun enfermo.
“A Xunta ten que entender que é unha cuestión que afecta á seguridade de todos. Se nós non temos a seguridade necesaria, con reforzos de persoal e de protección para as intervencións, tamén os usuarios poden correr perigo”, remarcou Souto, que reclama á Xunta a apertura dunha negociación para atender as necesidades dos vixiantes.
“Parece que nós sempre temos que cargar co moucho, cun risco que é inherente á nosa profesión, onde somos auxiliares dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, pero iso non quita para que non imperen o sentido común e a lóxica. Sabemos que é un traballo onde hai perigo, por suposto, pero o que temos que facer é que se adopten todas as medidas necesarias para que este sexa o menor posible”, censuran desde o sindicato.
Escribe o teu comentario