Temperaturas árticas en Manzaneda, onde o termómetro rozou os -10ºC este luns
O primeiro luns do ano, igual que sucederá durant o martes Día de Reis, amence co mercurio esborrallado na alta montaña ourensá.
Cabeza de Manzaneda (Ourense) rozou durante a mañá deste luns os -10ºC de temperatura mínima. Aemet e Meteogalicia alertaron de que tanto para esta xornada e como para a do martes, Día de Reis, espéranse temperaturas mínimas moi frías coas cotas de neve moi baixas.
Así as cousas, a estación de Manzaneda rexistraba -9.9ºC ás 8.50 horas, mentres que Xares, na Veiga, tamén en Ourense, marcaba -9.3ºC á mesma hora.
Lardeira, en Carballeda de Valdeorras (Ourense) rexistrou -8.8ºC ás 8.30 horas e Corzos, na Veiga, quedaba moi preto con -8.6ºC ás 8.00 horas. En Pedrafita do Cebreiro (Lugo), a mínima foi de -7.1ºC ás 4.20 horas.
Esta semana estará marcada pola chegada dunha masa de aire ártico que está a provocar un descenso das temperaturas na metade norte, con nevadas en cotas baixas, sobre os 300 metros. Segundo a predición da Aemet, o frío durará, polo menos, até este xoves.
Escribe o teu comentario