Os cazadores poderán cubrir o seu límite de exemplares de xabarís en zonas con gran número de granxas
A Xunta estudará bonificar as taxas aos tecores que superen este límite
A Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático instará aos titulares de terreos cinexéticos con maior número de granxas porcinas a que cubran o seu límite de exemplares a capturar se aínda non o fixeron e estudará bonificar as taxas aos tecores que superen este límite.
O departamento autonómico levará estas propostas e outras á reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril, convocada para este martes de modo extraordinario ante a aparición de casos de peste porcina africana (PPA) en Cataluña. Neste encontro, ademais de expor estas posibles medidas, tomará en consideración as propostas dos participantes.
Concretamente, segundo detalla a Xunta, están citados para este martes representantes da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI, dependente da Consellería de Vivenda), Consellería do Medio Rural, Consellería de Sanidade, Fegamp, Garda Civil de Tráfico, Policía Autonómica, Seprona e Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
Por parte do sector da caza e gandeiro, están chamados responsables da Federación Galega de Caza, Asociación de Tecores Galegos (ATEGAL), Unións Agrarias, Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Sindicato Labrego Galego.
PROPOSTAS DA XUNTA
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa representación estará encabezada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, porá sobre a mesa a posibilidade de incorporar novas modalidades cinexéticas, que xa foron trasladadas en días anteriores.
En concreto, proporá levar a cabo a coñecida como caza ao salto, que realiza unha persoa, con ou sen auxilio de cans; caza ao rececho, modalidade tamén individual pero neste caso sen cans, e caza en man, con cuadrillas máis reducidas que nas batidas, de até seis persoas, cun máximo de tres cans por participante.
Por outra banda, estudará bonificar as taxas a aqueles tecores que realicen capturas por encima da cota establecida. Paralelamente, nestes momentos, as Direccións Territoriais da Consellería están a realizar unha valoración dos que cumpren integramente a cota de capturas asignado --máis dun centenar--.
Neste sentido, a Consellería instará aos titulares de terreos cinexéticos situados en zonas cun maior número de granxas porcinas que aínda non haxan o seu límite de exemplares a capturar que o fagan. Este número está fixado no plan de ordenación cinexética da tempada en curso do que dispoñen os tecores.
O Goberno galego, segundo lembra, xa adoptou outras medidas de control, como a declaración da emerxencia cinexética, que está en vigor até o 22 de febreiro de 2026 en 38 comarcas --que abcarcan 254 concellos e o 83% do territorio--; ou a autorización da súa captura durante case todo o ano mediante distintas fórmulas adicionais ao período común de caza.
PETICIÓN DE CONFERENCIA SECTORIAL
Así mesmo, a Xunta lamenta que, a pesar de habelo solicitado por escrito, o Goberno central aínda non convoque unha conferencia sectorial específica e conxunta, con participación dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para abordar a problemática derivada da aparición de casos de PPA en Cataluña.
O Executivo galego insiste no seu comunicado en que a convocatoria desta conferencia é "fundamental" para coordinar a nivel nacional as actuacións a levar a cabo, de tal maneira que sexan homoxéneas naquelas cuestións que afectan a todo o país.
Escribe o teu comentario