Gran manifestación pola vaga de incendios o 14 de setembro en Santiago de Compostela
A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' encabeza de novo a convocatoria tras as protestas do pasado 21 de agosto.
A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' convocará unha gran manifestación de protesta o próximo 14 de setembro en Santiago, co fin de esixir medidas que eviten outra vaga de incendios en Galicia e a posta en marcha dun plan de choque con axudas urxentes para os afectados.
Así, despois das máis de 30 concentracións celebradas o pasado 21 de agosto en localidades de toda Galicia, que reuniron a miles de persoas, a plataforma convoca unha nova mobilización, nesta ocasión para esixir a adopción de medidas que eviten "outra vaga de incendios" e para pedir un plan de choque con axudas para os veciños e os territorios arrasados polos lumes.
A previsión é celebrar unha gran marcha o 14 de setembro, con saída ás 12.00 horas da Alameda compostelá.
'Por un Monte Galego con Futuro' é unha plataforma que aglutina a medio centenar de asociacións, colectivos e organizacións, e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización na xestión forestal, así como para mostrar a súa oposición á política forestal da Xunta.
Escribe o teu comentario