A islamofobia en Galicia non se manifesta, de momento
A comunidade musulmá en Galicia afronta os mesmos retos que noutros lugares da Península. A día de hoxe forman parte de todo o espectro laboral galego: mariñeiría, industria ou servizos. A segunda xeración está a obter títulos superiores ou traballando en sectores onde antes era rara a súa presenza. E non só hai musulmáns galegos de orixe migrante, tamén hai musulmáns galegos conversos
Os sucesos acaecidos en Murcia e outros lugares demostraron o rápido que pode prender a mecha do odio cara a minorías racializadas de orixe migrante. Bulos, vídeos de falsas agresións, discursos de odio e unha presenza masiva en redes sociais de persoas e grupos de ultradereita materializáronse en persecucións, racismo, odio e división onde antes probablemente non existían ou apenas eran perceptibles. A comunidade musulmá, sobre todo norteafricana e subsahariana, foron o obxectivo de ataques realizados por grupos de individuos moitas veces coordinados a través de redes sociais. Nalgúns dos lugares onde se expresou esta rabia contra a comunidade islámica, esta ten un número importante de representantes ademais dunha presenza que xa acumula décadas. Aínda que no caso galego non se produciron aínda casos tan extremos como Torrepacheco, non se pode descartar que a faísca prenda nalgún momento. Basta con alimentar e sobredimiensionar un suceso para unha “cazaría” como a sucedida na localidade murciana.
Musulmáns entre nós
Mohamed vive en Xinzo e chegou a Europa co seu pai que se dedicaba á venda ambulante. Movéronse por Francia e Alemaña ata que se foron asentando en Sevilla, Córdoba ou Huelva. A chegada a Xinzo produciuse fai 25 anos cando o pai de Mohamed aconselloulle ir até esta localidade ourensá para aproveitar a súa proximidade a Portugal e entrar no país veciño a vender.
“Fomos a primeira familia musulmá neste pobo” remarca Mohamed. A día de hoxe na localidade hai entre corenta e cincuenta familias, unha das comunidades máis amplas en territorio galego.
Segundo O Mahjoub Drame, presidente da Unión de Comunidades Islámicas de Galicia, UCIDGAL, as catro provincias acollen actualmente a entre 30.000 e 40.000 musulmáns. “Tamén hai conversos” di Drame, en referencia a galegos e galegas que agora profesan a fe islámica. Dentro desta comunidade a nacionalidade máis estendida é a marroquí seguida da senegalesa, a paquistaní e alxerina. “Aínda que non estou moi seguro das porcentaxes.
Todas estas persoas traballan en diferentes sectores, sendo a mar o predominante na área de Vigo. Lvos fillos nados en Galicia poden seguir a tradición de traballo dos seus pais aínda que moitos apostan por ingresar en empresas, mesmo os hai que realizan estudos superiores.
Para non perder o contacto coas raíces ou seguir practicando a súa fe, habilitáronse entre 25 e 30 centros sociais aos que algúns denominan mesquitas. “Realmente non son mesquitas, son lugares para o rezo, para celebrar as festas musulmás e para o intercambio co resto dos veciños” indica Drame
Islamofobia en Galicia?
Lucía Tembrás converteuse ao islam hai seis anos. Esta traballadora social especializada en migración, abrazou a súa nova fe porque “respondía a moitas preguntas existenciais que eu mesma facíame”. Hai ano e medio axudou a crear Sabili, unha asociación de mozos musulmáns aproveitando a súa experiencia de traballadora social.
Pero, e a conversión? “Si, ao principio foi un shock entre a contorna máis próxima”. Lucía mesmo usou pano, o que espertaba suspicacias entre persoas que a coñecían de vista e cambios na forma de tratala. Ela atribúe isto á ignorancia e complexos sobre o que significa “musulmán”. Considera que hai un racismo latente ou polo menos que se manifesta nas formas, na maneira de interactuar con musulmáns. “Hai persoas que non ven como racistas pero si exercen dinámicas que o son”.
Aos prexuízos sobre persoas racializadas tamén se engade o machismo da sociedade ante unha muller occidental e conversa. Un caso así adoita ligar case de inmediato coa relación desa muller cun home musulmán, “coma se as mulleres non tivésemos autonomía para decidir sobre as nosas vidas”.
Sobre casos de violencia, o presidente de UCIDGAL é consciente de que sempre pode haber “exaltados” pero “nunca tivemos problemas graves” di despois de trinta anos vivindo en Galicia. Así mesmo, lembra que “o Islam é paz e convivencia” con respecto cara ás outras relixións.
Mohamed desde Xinzo asegura que non tiveron problemas con levar adiante case todas as súas celebracións islámicas. Si recoñece que nalgunhas ocasións pode haber sobre todo novas que poidan agredir verbalmente a un muslmán. “Son novos, inmaturos e ás veces adoitamos falar cos seus pais”, pola contra, non lembra polémicas con xente adulta nin durante o seu traballo como vendedor.
A convivencia nunha sociedade inclusiva sería a solución ante as posibles diferenzas que puidesen xurdir entre musulmáns e non musulmáns. Non pode descartar, con todo, que nun momento dado e por mor dos complexos e ideas preconcibidas poida haber algún conflito, aínda que de momento no caso galego parece non haber tensións manifestas.
Escribe o teu comentario