Nova estratexia paisaxística da Xunta para 2030 e destina 62.000 euros á súa redacción
A previsión é que a nova estratexia poida estar lista e aprobada a finais de 2025, cun período de vixencia de cinco anos
A Xunta de Galicia iniciou o proceso para a elaboración da Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030 coa licitación neste mes de xullo do servizo de asistencia técnica para redactar o documento, por un importe de máis de 62.000 euros, IVE incluído.
O obxectivo principal deste contrato --ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o próximo 4 de agosto-- é prestar apoio ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) co fin de realizar os traballos necesarios para configurar, elaborar e implementar a referida estratexia.
A previsión é que a nova estratexia poida estar lista e aprobada a finais de 2025, cun período de vixencia de cinco anos. Segundo informou a Xunta, esta é concibida como un instrumento de planificación e coordinación de todas as actuacións dos diferentes departamentos e das entidades do sector público autonómico que redundan na protección, xestión, ordenación e mellora da paisaxe galega.
Entre os traballos a desenvolver pola adxudicataria inclúense deslindar e concretar todas as liñas de acción que materializarán as políticas autonómicas neste campo e o seu regulamento; identificar as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta que, pola súa natureza ou polos obxectivos que teñan definidos, concuerden coas liñas de acción das políticas de paisaxe e identificar actuacións doutras administracións que, de ser o caso, sexan susceptibles de xerar posibles mecanismos de colaboración, entre outros.
Desde o ano 2011, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a desenvolver unha estratexia orientada á posta en valor, protección e recuperación dos valores paisaxísticos da Comunidade.
Así, a primeira Estratexia galega da paisaxe estaba referida ao período 2012-2016 e, tras aprobar varias actualizacións sucesivas, a Xunta afronta agora os traballos necesarios para a elaboración e redacción do que será o cuarto documento marco en materia paisaxística, co horizonte posto no ano 2030.
PANEL DE EXPERTOS
Neste sentido, a Xunta subliñou que esta mesma semana celebrouse en Santiago un taller de expertos en materia paisaxística, liderado polo IET, que supuxo un primeiro paso de face á elaboración da futura Estratexia 2030.
A esta reunión acudiron unha decena de persoas procedentes do ámbito institucional, académico e profesional que analizaron o contido do informe de posicionamento en materia de paisaxe, un documento preliminar que foi sometido a debate técnico no marco desta fase de traballos previos.
A finalidade deste borrador, de feito, é definir os avances alcanzados na Comunidade até agora neste campo e establecer os fundamentos conceptuais e normativos, identificar os principais retos a alcanzar, determinar os obxectivos estratéxicos e concretar os principios transversais da estratexia, aliñados co contexto e tendencias actuais.
De feito, o próximo setembro convocarase a segunda fase deste panel de expertos na que se exporá o contido do informe definitivo.
Escribe o teu comentario