Os mellores lugares de Galicia para gozar das Bágoas de San Lourenzo
As perseidas poderán gozarse con maior claridade o sábado 11 de agosto grazas á lúa nova, e a mellor noite será a do domingo 12
As perseidas ou Bágoas de San Lourenzo son un fenómeno astronómico que se manifesta sobre todo no mes de agosto. Trátase de partículas de po de diferentes tamaños que, ao entrar en contacto coa atmosfera terrestre, producen un efecto visual de estrela fugaz.
O comparador de seguros Acierto.com elaborou unha pequena guía para coñecer os lugares da xeografía galega onde se observarán mellor as perseidas. Por suposto, o ideal é observala desde un sitio escuro sen contaminación lumínica, e sen obstáculos -edificios altos, árbores, montañas...- que nos interfiran a visión. "Tamén é importante colocarse en dirección oposta á posición da lúa", sinalan.
Por cidades, de norte a sur, un lugar ideal para ver as Bágoas de San Lourenzo na Coruña é a Casa das Ciencias, situada no Parque de Santa Margarita. Se estamos na capital, a Cidade da Cultura ofreceranos a escuridade e altitude perfecta para observar o fenómeno. Pola súa banda, en Pontevedra, Acierto.com recomenda a Illa dás Esculturas, unha xunqueira de máis de seis hectáreas na marxe esquerda do río Lérez, onde se poderá entrar a partir das 22.30h. Se continuamos ao sur, a Ría de Vigo é ideal para presenciar o fenómeno.
De feito, as navieras Mar de Ons e Nabia propoñen este ano travesías nocturnas para contemplar a choiva de meteoros en plena ría acompañadas das explicacións dunha astrónoma. Aínda que non só existe está opción, senón que hai alternativas para atender ás explicacións dunha profesional.
O concello de Nigrán organiza por terceira vez unha xornada dedicada a contemplar as Bágoas de San Lourenzo, e este ano estrea o festival Chan de Folk en Chandebrito para acompañar a observación con música folk. Outras localizacións que ofrecen eventos acompañados de expertas e comidas tradicionais son Ribadavia ou Cotobade.
Segundo especialistas, este fin de semana poderán verse entre 60 e 70 meteoros por hora, aínda que nalgúns momentos poden alcanzar os 150 e 200. As perseidas son o fenómeno astronómico anual máis popular, pero ata final de ano haberá máis eventos cósmicos destacables: entre o 21 e 22 de outubro, as Oriónidas; 17 e 18 de novembro, as Leónidas; e 13 e 14 de decembro, as Gemínidas.
Escribe o teu comentario