O SERGAS atenderá necesidades bucodentais especiais con novas unidades multidisciplinares
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou tamén a "aposta" da sanidade pública pola tecnoloxía de última xeración en varios campos
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou a creación no Servizo Galego de Saúde (#Sergas) de novas unidades multidisciplinares de saúde bucodental para pacientes con necesidades especiais, así o fixo este sábado durante a inauguración do Congreso internacional de innovación en odontoloxía.
No evento, celebrado no Teatro Coliseo Noela de Noia e que coincidiu co III Congreso do Consello Galego de Odontoloxía, Gómez Caamaño destacou tamén a "aposta" da sanidade pública pola tecnoloxía de última xeración.
Neste sentido, lembrou que a unidade de cirurxía maxilofacial do Hospital Meixoeiro de Vigo, que comezou a funcionar a principios de 2025, dispón dun ortopantomógrafo dixital 3D que permite diagnósticos máis precisos con menor exposición a radiación.
Segundo indicou a Xunta nunha nota de prensa, "Galicia está á vangarda" en innovación e referiuse á integración da historia clínica electrónica IANUS ou a plataforma É-Saúde.
Con todo, tamén subliñou a Plataforma de Innovación Sanitaria, coa que o Servizo Galego de Saúde fomenta a participación de profesionais, pacientes e empresas no desenvolvemento de novas solucións asistenciais.
Escribe o teu comentario