Avogados de oficio da Coruña denuncian expedientes informativos a compañeiros en folga
Unha carta ao Decano do Colexio de Avogados da Coruña mostra o malestar dentro dos avogados de oficio ante a apertura de expedientes a compañeiros do colectivo
A folga dos avogados de oficio está a cobrarse varias aperturas de expedientes informativos e disciplinarios cara ao colectivo. Así o fixeron saber un grupo de letrados que asinaron unha carta dirixida ao Decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda Vila, tras incoar unha serie de expedientes a catro colegas de profesión “como consecuencia da súa participación no exercicio lexítimo e pacifico do dereito de folga, e detrás da cal podemos ver a explícita intención de coaccionar o exercicio dun dereito fundamental”.
As accións emprendidas polo órgano colexiado vulneran o dereito á folga, declaran os avogados de oficio no documento enviado ao seu colexio provincial. Por outra banda, sinalan que estes expedientes constitúen un grave precedente contra a independencia profesional dos avogados e avogadas. Así mesmo, “desincentiva a protesta fronte a situacións que afectan ao correcto funcionamento da Xustiza”.
Os e as avogadas que asinan a carta dirixida a Pérez-Cepeda sinalan que ningún profesional lque siga a folga non pode ser sancionado por exercer o seu dereito. Lembran que o paro foi legalmente convocado o 21 de novembro de 2023 polo Sindicato de Avogados e Procuradores Venia. Tamén lembran a garantía de indemnidad fronte a represalias desde a Administración ou os Colexios Profesionais e, por tanto, calquera sanción no actual contexto “sería nula de pleno dereito”.
Por todo isto, reclaman que o órgano competente do Ilustre Colexio de Avogados da Coruña a que reconsidere a súa postura institucional respecto dos expedientes incoados e sexan arquivados. Por último, piden garantías sobre a protección dos dereitos fundamentais de todos os colexiados e colexiadas.
A maiores, lembran que un dos motivos que moveron á folga de avogados de oficio está na invisibilización do seu traballo realizado en “condicións extremadamente exixentes, con remuneracións insuficientes, ou mesmo miserables, moi por baixo do prezo de mercado e sen o recoñecemento institucional que merecen”.
Escribe o teu comentario