27.000 galegos celiacos pendentes de axudas directas da Xunta ao gastar 100 euros máis ao mes na compra
#PSdeG e Xuventudes Socialistas imprimen billetes de 5 euros para contrastar o gasto na cesta da compra e eleva o custo para un celíaco en "até 100 euros máis ao mes".
A deputada do #PSdeG Elena Espinosa solicitou á Xunta de Galicia axudas directas para reducir os gastos das máis de 27.000 persoas celíacas que viven en Galicia e que gastan "até 100 euros máis ao mes na compra" que as persoas sen esta enfermidade.
Espinosa defendeu este xoves a importancia de pensar nas familias con menos recursos, ou mesmo as persoas mileuristas, que, cun gasto mensual 100 euros por encima do resto, contan cunha porcentaxe anual "altísimo" sobre a súa renda.
Así o expresou a socialista no marco da presentación dunha proposta que busca promover a reflexión e o cambio. Os socialistas levarán a preocupación por este colectivo ao Parlamento a través dunha proposición non de lei (iniciativa de impulso) para o seu debate en pleno.
Coa impresión de billetes de cinco euros en folios para explicar a comparativa de previos entre os produtos con e sen gluten, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, explicou que esa contía corresponde a cinco barras de pan con gluten e soamente unha e media sen el.
Nesta liña, reivindicou que en Galicia un de cada tres galegos cobra o salario mínimo ou mesmo menos, dos cales a poboación nova é a maioritaria.
CONCIENCIACIÓN SOCIAL
Por iso, subliñou a súa intención de concienciar á sociedade galega de face ao Día da Celiaquía, celebrado o 16 de maio, e avogou por axudar a que a xente con intolerancia ao gluten poida ter unha cesta da compra ao final de mes un pouco máis lixeira.
Ademais, o representante das mocidades, lembrou que concellos como o de Barbadás (Ourense) xa puxo en marcha iniciativas, como a dotación de 400 euros anuais para as persoas diagnosticadas con esta enfermidade.
Tamén, Doval pediu á Xunta que se comprometa a ofrecer un servizo de alimentación nos distintos niveis de educación que sexa "máis amplo" e que teña en conta as intolerancias das persoas.
Así mesmo, salientou a importancia da detección, xa que, segundo trasladou, sete de cada dez persoas con celiaquía, aínda non saben que teñen esa enfermidade nin o grao da súa intolerancia.
Escribe o teu comentario