Santiago súmase á "fronte común" da FEGAMP para reclamar a gratuidade da AP-9
Cada vez son máis os municipios que reclaman que se levanten as peaxes da vía.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, desconvocou a reunión prevista para este venres para impulsar unha posición conxunta a favor da gratuidade da AP-9, á que chamara a participar aos municipios vinculados ou atravesados pola autoestrada, e anunciou que a capital galega sumarase a
unha convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias (#Fegamp) para reclamar esta mesma cuestión.
Sanmartín lanzara esta convocatoria despois de que sete localidades da contorna entre Santiago e Padrón selasen en Ames un manifesto para demandar a constitución dunha mesa de traballo co Ministerio para esixir a gratuidade da autoestrada.
Con todo, este martes a rexedora anunciou que desconvoca esta reunión e súmase á convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias para tratar de buscar unha postura conxunta.
Neste sentido, Sanmartín insistiu en que o obxectivo común debe ser "impulsar unha fronte de país sen localismos", unha visión que, segundo destacou o Goberno local nunha nota de prensa, comparten os alcaldes e alcaldesas cos que mantivo contacto na última semana.
Pola súa banda, fontes da Fegamp consultadas por Europa Press recoñeceron que a entidade traballa xa neste asunto, pero polo momento non hai previsión de datas de futuras iniciativas.
Escribe o teu comentario