Máis prazas de pediatría sen cubrir no SERGAS, o 15%; os pediatras alertan do "esgotamento" do sistema

A Asociación Española de Pediatría (AEPap) cifra en 1,9 millóns de nenos en toda España que non teñen pediatra. En Galicia, a falta de cifras oficiais, as estimacións apuntan a uns 40.000 menores nesta situación. Amparo Rodríguez Lombardía, pediatra e portavoz do colectivo en Galicia, explica a Galiciapress os motivos e as conscecuencias desta ausencia de pediatras que afecta especialmente ao rural, pero que deixa aos sanitarios totalmente desbordados en moitos puntos, especialmente aqueles de difícil cobertura.


|

Pediatra
Foto: EP

 

En Castro , Cospeito e Outeiro claman por un pediatra que atenda aos case mil nenos e nenas que son atendidos por persoal médico sen formación especializada. A situación non é mellor na montaña de Lugo, onde os veciños de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira e Castroverde levan xa máis de dous meses sen pediatras, o que motivou a moitas familias a levar as protestas á rúa. A falta de pediatras, parcheado por puericultores, repítese en distintas zonas da Terra Chá ou A Mariña lucense, pero tamén en Lalín , Betanzos, O Grove, Verín, Ribadeo ou Arzúa. Sen importar a latitude, a falta de atención pediátrica resulta un problema de primeira orde en máis de 200 concellos galegos que non contan con este servizo segundo os datos da plataforma #SOS Sanidade.

 

Segundo estas estatísticas, en dúas décadas perdéronse 84 pediatras e desposuíuse deste servizo a 88 municipios. A situación é especialmente crítica no rural e estas cifras empatan coas da Asociación Española de Pediatría (AEPap), onde sinalan que hai 1,9 millóns de nenos e nenas en toda España sen pediatra en Atención Primaria. No XXI Congreso da AEPap destacaron que en Galicia, como mostran no seu mapa cos datos solicitados pola propia organización, desde 2018 as prazas de pediatría de Atención Primaria sen especialista experimentou unha subida de tres puntos porcentuais até 2024, onde a porcentaxe alcanza o 14,9%. 

 

 

Amparo Rodríguez Lombardía, portavoz do colectivo en Galicia, recoñece que a situación en Galicia “empeorou lixeiramente”, aínda que non é a peor parada neste sentido, sendo Castela-A Mancha, Andalucía ou Valencia as que teñen peores díxitos neste sentido. Sobre a cantidade de nenos afectados, a pediatra admite que é difícil dar unha cifra concreta, pero que estiman que serán “ao redor duns 40.000 nenos sen pediatra” nestes momentos, aínda que non todas as prazas teñen o mesmo cota. 

 

COTAS E NATALIDADE

A cota é outro dos asuntos sanguentos a nivel nacional, pois atopamos que nalgunhas comunidades autónomas a metade dos pediatras atenden cotas superiores ao milleiro de pacientes, algo que, como lembra Rodríguez, é distinto en territorios como Galicia onde “a natalidade é cada vez máis baixa” e hai sitios “onde o número de nenos baixa moito”. 

 

 

En calquera caso, escápase ás recomendacións do propio Ministerio de Sanidade, que aplica ese máximo de 1.000 nenos, tamén lonxe da cota de 800 nenos que recomendan as propias unidades de pediatría. “Hai un desequilibrio”, indica Rodríguez, pois podemos ver algúns profesionais “con grupos de 1.200 nenos” e outros “con 300 ou 400”, pero “en xeral mellorouse e os grupos baixaron”.

 

Desde AEPap consideran que a prioridade é “ofrecer un pediatra de referencia que faga continuidade asistencial, aínda que haxa que facer pequenos desprazamentos”, pois cos que son hoxe “se cadra non se pode chegar a todos os puntos”. “Todos sabemos que se cadra hai poucos nenos nunha zona, pero as distancias son complicadas, as comunicacións non son boas”, subliña Rodríguez, unha queixa que xa puxeron en coñecemento da Consellería polas “peculiaridades” que existen en Galicia para “organizalo da maior maneira posible” a fin de “pelexar porque nas zonas rurais non se produza despoboamento”.

 

Nese diálogo con Sanidade Rodríguez ve predisposición da Xunta a reforzar os centros de saúde con máis pediatras. “É verdade que tivemos moitas xubilacións, que hai que cubrilas, pero tamén hai que organizar, porque xa hai algún estudo que di que, se seguimos aumentando os profesionais médicos, tanto pediatras como outras especialidades, pode chegar un momento que nos ocorra como hai algúns anos no que atopemos profesionais no paro”, advirte a sanitaria, avogando por un pacto que implique a políticos, a pediatras e á sociedade civil para “buscar a mellor solución”. 

 

 

"QUEREMOS As MESMAS CONDICIÓNS QUE Os DEMAIS"

Para iso, resulta clave facer máis atractivas as condicións dalgunhas prazas de difícil cobertura para evitar esa “fuga de pediatras” formados en Galicia. “Queremos as mesmas condicións que outros traballadores. Hai que incentivar esas prazas de maneira económica ou concedendo máis puntos para a túa oposición e a túa praza fixa, de forma que saibas que vas estar dous anos e logo poderás trasladarche”, asume Rodríguez, considerando que ao terminar a especialidade o habitual é “empezar nunha zona un pouquiño máis complicada” para posteriormente ir escalando.

 

Esas prazas de difícil cobertura son as que traen de cabeza a moitos pais que se preguntan por que é tan difícil atopar a profesionais cualificados, se se trata dunha cuestión de precariedade ou é que a especialidade xa non resulta atractiva ás novas xeracións de médicos. “O sector público empeza a dar mostras de esgotamento”, lamentan desde AEPap, onde entenden que tamén fai falta máis pedagoxía para facer entender que o aumento das xubilacións obriga ás administracións a facer esforzos para evitar o colapso.

 

FVZKf4PWQAM I5Y
De izqda a dcha: Amparo Rodríguez Lombardía (Pdta. Asociación de Pediatría en Atención Primaria de Galicia), Mariña Rodríguez López (Servizo Reumatoloxía CHUS), Soidade Marítnez Regueira (Servizo Pediatría CHUAC), e Jenaro Graña Gil (Servizo Reumatoloxía CHUAC)

 

Como exemplo, Rodríguez pon sobre a mesa o “feminizada” que está a profesión, pero “moitas profesionais novas tardan anos en poder expor ter unha familia”. “Resulta complicado para toda a poboación, pero tamén para os pediatras. Temos uns horarios que son completamente incompatibles coa conciliación. Terminas marchándoche do noso país, que iso é unha tristeza, ou terminas traballando na privada, cando o 99% dos médicos residentes cando salguen, onde queren quedar é na sanidade pública porque prima a vocación”, incide, censurando que o feito de encadear contratos acaba por desgastar aos sanitarios

 

CONFIANZA DOS PAIS

“Aínda estamos moi lonxe de que as condicións sexan como deberían ser”, reflexiona Rodríguez, un feito que repercute de maneira negativa sobre as propias familias. Pais e nais de toda a comunidade denuncian que a falta de pediatras provoca que cada vez que acoden a unha consulta atópense cun rostro distinto alén do escritorio ou auscultando ao seu pequeno, o que fai moi difícil establecer unha relación de confianza e sostida co tempo, calve para unha mellor avaliación da evolución do menor.

 

 

Ocorreu en pandemia con moitos pais que, sen ese nivel de confianza e sen un profesional de referencia, demostraban receos, por exemplo, á hora de vacinar aos seus fillos. Rodríguez reitera o “esforzo dos pediatras” para ofrecer aos menores de 14 anos un seguimento axeitado, o que non evita que exista certa sobrecarga que dificulta esa tarefa. “Solicitamos tamén que nos deixen autogestionarnos, porque somos os que mellor coñecemos a situación”, argumenta.

 

“Teño que romper unha lanza a favor da sanidade española. Estiven fóra e calquera persoa que veña doutro país, xa sexa da Unidade Europea ou si veñen de Estados Unidos, danse conta que a nosa sanidade é espectacular”, puntualiza Rodríguez, á vez que alerta de que existe o risco de que “rompa a corda”, aínda que existe “confianza absoluta e practicamente total nos pediatras”, o que fai que o número de antivacunas en España “sexa practicamente anecdótico”.

 

Máis pediatras, a primeira vista, podería axudar a combater tanto a baixada da natalidade como o despoboamento do rural, pero a ollos de AEPap a realidade é moito máis complexa. “Poder ofrecer á xente do rural un pediatra de cabeceira de referencia vai dar máis tranquilidade aos pais e vai facer que, se cadra, algunhas familias póidanse asentar no rural, por suposto. Pero creo que este problema non se relaciona coa falta de pediatras, aínda que o ter un pediatra pode ser un incentivo”, reflexiona Rodríguez.

 

“Todo isto parte dun problema maior. Haberá que dar todos os servizos no rural que se poidan, pero se cadra hai que buscar novas fórmulas e concentralos”, examina, xustificando que a vida no rural ten uns beneficios e uns inconvenientes que se enfrontan coas cidades”.

 

 

“É un problema da sociedade actual, onde existen uns condicionantes como que cada vez é difícil acceder ao traballo, á vivenda… A clave é que, ante o problema de prazas buxán, todos camiñemos na mesma dirección: o profesional que mellor pode atender aos nosos nenos é o pediatra. Hai que seguir remando todos nese sentido”, conclúe.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE