O caos nos servizos sociais galegos e a vulneración de dereitos a persoas dependentes
A falta dun plan para cohesionar os servizos sociais en Galicia segundo marca a Lei de Servizos Sociais de Galicia de 2008, creou un ambiente de incerteza entre as persoas dependentes. Acúsase á Xunta de non informar sobre os dereitos deste colectivo ao seu acceso a residencias ou a ter atención nos seus domicilios e de non querer prestar atención directa deixándoa en mans de entidades privadas
A deputada socialista no Parlamento Galego, Silvia Longueira, anunciaba a presentación dunha serie de iniciativas para crear un plan estratéxico que reactive o sistema de atención a persoas dependentes. Este plan estaba contemplado na Lei Galega de Servizos Sociais de 2008 e con el buscaríase a coordinación e cohesión de todos os servizos sociais en Galicia, “da man dos concellos que son prestadores e intermediarios” á hora de planificar o desenvolvemento de plans que afronten o envellecemento da poboación, isto incluiría tanto a persoas dependentes como discapacitadas. O non haber executado este plan tivo como resultado un ecosistema de atención social onde abundan figuras público-privadas en diferentes versións. A isto engádese que a Xunta non fai difusión dos dereitos que outorga a lei de servizos sociais o que dificulta a entrada no sistema e xera unha ampla lista de espera.
PLANIFICACIÓN
Case catrocentas persoas morreron en Galicia durante o 2023 en listas de espera para entrar nunha residencia. Polas mesmas datas a Xunta anunciaba que se atendeu a unhas 5.600 persoas por parte dos Servizos Sociais: “un 8.21% máis, superando a media estatal do 7.49%”. Con todo, o número de solicitudes a finais de 2023 era de 84.000 só para recoñecemento de dependencia e o de dependentes con dereito recoñecido a unha prestación era case de 75.600 persoas.
A Xunta é quen debe decidir onde, a quen e como se atende a unha persoa dependente, isto significa dotar de residencias e servizos necesarios a todo o territorio galego. A efectos legais, o executivo galego debe falar cos concellos para coñecer de primeira man as necesidades en canto a residencias. O modelo da lei do 2008 apostaba por residencias pequenas nos distintos concellos ou en cabeceiras de comarca.
En lugar disto, constrúense grandes residencias por parte de entidades privadas que son doadas á Xunta e esta deseña o plan de xestión. Así o mosaico de atención vai desde o público, público con xestión privada ou privado con prazas contratadas pola Administración autonómica.
Por outra banda, o escaso número de residencias públicas fai que “hoxe en día se envía a persoas por centos de quilómetros do seu fogar”, o que leva ao desarraigamento da persoa dependente e desprazamentos aos seus familiares ademais doutros engadidos. E a isto súmase quen desexan ser atendidos nos seus fogares que tamén conforman outra lista enorme de espera.
SISTEMA DE VALORACIÓN E FALTA DE PERSOAL
No proceso de valoración para outorgar o grao de dependencia veríase lóxico a presenza de traballadores sociais pero, ao parecer, nos últimos tempos “estáselles ninguneando” e non se conta coa súa opinión á hora de crear informes de valoración. Isto vén reflectindo desde a entrada en vigor o Decreto142/2023, de 21 de setembro que establece vías para este tipo de funcións. A idea subxacente é “axilizar” as diferentes tramitacións aínda que os resultados, segundo o PSdeG non son os desexados.
Mesmo cando se concedeu o grao de dependencia, isto tamén pode ser un freo para o avance das listas de espera. Así, nunha semana un concello pode recibir varias solicitudes de grao I e II, pero a chegada de varios expedientes con grao III fai que estes últimos teñan preferencia e os primeiros pasen a engrosar as listas de espera.
En paralelo, desde a pandemia de COVID-19 desenvolveuse unha tendencia a enviar a centros de maiores a persoas con problemas psíquicos. Aínda que por unha banda é unha forma de desestigmatizar a enfermidade mental, tamén é necesario que estas persoas sexan atendidas por persoal especializado. Isto último non sucede na maior parte dos casos o que pode facilitar que se produzan problemas de convivencia nas residencias.
A falta de persoal especializado tanto para atención de dependentes, maiores e de avaliación é un dos problemas que enfronta o sistema de atención en Galicia. Por outra banda, o sistema polo que parece optar o goberno galego é o da privatización ou o de “que vaian facendo”. O obxectivo da Xunta é non facer cargo do persoal nin das infraestruturas para dependencia permitiendou, iso si, os concertos e os convenios.
Escribe o teu comentario