Hospital Álvaro Cunqueiro: o centro que cubriría todo o sur de Galicia e que quedou a metade de camiño
O proxecto do Novo Hospital de Vigo (NHV) ía ser a gran solución ao desequilibrio entre norte e sur de Galicia en canto prestacións de sanidade pública. En 2009 todo parecía truncar tras a chegada do PP á Xunta e a súa freada ao proxecto, pero este foi retomado e inaugurado en 2015. Con todo, a idea inicial quedou no recordo e ao final o que ía ser un centro de referencia acabou ofrecendo menos camas e menos servizos dos previstos. A nove anos da súa inauguración, o Consello de Contas daba a coñecer que o centro acabou arroxando un sobrecusto de 470 millóns de euros
O Hospital Álvaro Cunqueiro ideouse para atender unha área cunha poboación de 600.000 habitantes, a metade na cidade de Vigo. A Xunta de Emilio Pérez Touriño buscaba o equilibrio entre norte e sur de Galicia en canto a prestacións en sanidade pública, pois o Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e o Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) atendían servizos que non se podían localizar na área viguesa a pesar da existencia de centros como o Meixoeiro, público, o antigo Hospital Xeral (agora ocupado por instalacións xudiciais) e a clínico Ribeira-Povisa, centro privado concertado co SERGAS (único en España en canto a modelo de concertación). O Álvaro Cunqueiro ofrecería un maior número de camas, máis prestacións para evitar o traslado a Santiago, A Coruña ou outros centros. Aínda así, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo dedice paralizar a construción durante un tempo “por falta de fondos para as obras”. Ao final, o goberno 'popular' da Xunta decide crear un modelo de “cooperación público-privada” polo que a construción e xestión non médica do hospital estaría a cargo dun ente privado e a atención médica sería pública. A construción do hospital e a súa xestión privada pagaríanse con fondos públicos. A sorpresa apareceu a finais de xullo deste ano cando o Consello de Contas, ente fiscalizador autonómico, presentaba un informe polo cal o centro vigés supuxo case 500 millóns de euros en sobrecustos.
O CAMBIO DE MODELO
O modelo totalmente público que ía manexar o Álvaro Cunqueiro pasa, baixo a batuta de Feijóo, a ser un modelo no que as empresas construtoras unidas nunha UTE (unión temporal de empresas) acabarían sendo as concesionarias da xestión do hospital. Isto ocorre cando o centro hospitalario queda finalizado. O que non se conta até o 31 de xullo é que a Xunta do PP pagou un sobrecusto de 470 millóns de euros. Este diñeiro a maiores cubriu os gastos de licitación, a xestión privada e o sistema de canon a 20 anos elixido por Feijóo para o hospital. Segundo o Consello de Contas, cando finalice o período de 20 anos o custo total sería de case 1.700 millóns de euros
“Había tres grandes patas no accionariado do Cunqueiro: as construtoras, a prestadora de servizos non médicos e as caixas de aforros” di Manuel Moreiras, CIG-Saúde. “O modelo de caixas de Feijóo acabou en fracaso e ao final houbo que recorrer a fondos europeos para financiar o proxecto”. Por outra banda, cuando retomáronse as obras en 2011, “creouse unha empresa 'ad hoc' para o control de gastos” di Manuel Martín de SOS Sanidade Pública. Esta empresa faría o traballo que debería facer a administración pública.
Ao final houbo unha serie de recortes sobre a idea inicial e “acabáronse construíndo menos metros cadrados, non se levantaron os edificios para o hospital de pacientes, o edificio para formación, os quirófanos reducíronse á metade e o número de camas quedou en 400” apunta Martín. “Todo apuntaba a que ía ser un desastre porque o modelo de xestión elixido era calcado ao que se usou no Reino Unido e despois en comunidades onde gobernaba o PP” describe Moreiras. Todo isto “apoiado desde a UE que pedía abrir ao mercado ámbitos como o sanitario”.
Finalmente, a empresa xestora do Álvaro Cunqueiro 'Sociedad Operadora Novo Hospital de Vigo' (cuxa empresa matriz é CRBC Spain Investiment Company SL), dicía adeus ao que fora socio maioritario na UTE construtora e xestora, Acciona. Así, o 43% das accións pasaban ao fondo de investimentos francés Meridian, propietario da xestora de investimentos Bestinver. A operación sumou un total de 484 millóns.
RECUPERAR O CUNQUEIRO?
Un dato a maiores é que aos 470 millóns de sobrecusto engádense os case 83 millóns que a Xunta paga cada ano á concesionaria da xestión non médica do hospital. “Todo ese diñeiro deberíase destinar á atención primaria da área de Vigo, a que menos fondos recibe do goberno autonómico” sinala Moreiras. Por outra banda, o desexo de construír o complexo hospitalario para reducir listas de espera tampouco é que se cumpriu. “A área de Vigo está, segundo o ano, entre a primeira ou a cuarta en canto listas de espera” describe Martín. Ademais, engádese que o parking do hospital é de pago, fronte ao construído polo Concello que é gratuíto.
Á hora de esixir responsabilidades ou polo menos respostas, os grupos parlamentarios da oposición pediron a comparecencia de Rueda na Comisión Permanente do Parlamento. Ao final, a maioría absoluta do PP tombou a iniciativa e o presidente da Xunta non tivo que comparecer.
A isto último súmanse as suspicacias ao redor de dar a coñecer estas cifras antes do mes de agosto e a algo máis de seis meses de haber celebrado as eleccións autonómicas. Tampouco hai citas electorais á vista, por tanto, o informe chega nun momento nada comprometido nin para Rueda nin para o PP galego. As fontes consultadas apuntan que tanto a non comparecencia do líder 'popular' e presidente da Xunta así como as datas elixidas para presentar as cifras do Cunqueiro, son unha manobra para retirar da primeira plana un problema que incomodaba.
Como dato curioso, o 14 de agosto, quince días despois de presentado o informe, o Parlamento Galego retiraba o artigo do seu regulamento que obrigaba a presentar as súas cifras ao Consello de Contas.
Escribe o teu comentario