"Era como un fogo artificial", un meteorito ilumina a madrugada en Galicia
A Axencia Estatal de Meteorología explicou que se tratou de "un fenómeno atmosférico pouco frecuente, moi luminoso e que se desintegró ao entrar en contacto coa atmosfera"
Numerosas persoas puideron observar esta madrugada como, sobre as 01,00 horas, unha bóla de luz iluminaba o ceo de Galicia e doutras zonas de España e Portugal.
Varios particulares chamaron ao 112 Galicia para notificar que viran "unha gran bóla incandescente en movemento que iluminou o ceo de cor averdada ou arroxada" e que, finalmente, "desfíxose en pedazos". De feito, moitos deles referíronse ao que acababan de contemplar como un bólido ou meteorito.
As chamadas chegaron desde diferentes lugares da xeografía galega como O Porriño, Vigo, Redondela, Pontevedra, O Saviñao, Oleiros, Beariz, Nigrán, As Neves, Taboada ou A Rúa. Todas elas entre as 0,50 e as 1,15 horas desta madrugada.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112), a Axencia Estatal de Meteorología explicou que se tratou de "un fenómeno atmosférico pouco frecuente, moi luminoso e que se desintegró ao entrar en contacto coa atmosfera".
Así mesmo, testemuñas do ocorrido detallaron que observaron "un punto moi forte de luz", parecido a "un lume artificial", e que percorreu uns segundos o ceo, o que provocou que "se fixese de día durante uns segundos". A continuación, sinalan que deixou un rastro "como os ronseis que deixan os avións, pero con moita luz".
Tamén en redes sociais varios usuarios subiron vídeos nos que se pode ver esta bóla de luz iluminando o ceo de zonas como Vilanova de Arousa ou Sanxenxo.
Este fenómeno tamén foi avistado en Andalucía, Castela-A Mancha, a Comunidade de Madrid ou Estremadura, así como en zonas do norte de Portugal e a capital, Lisboa.
Un portavoz de Emerxencias 112 Comunidade de Madrid indicou a Europa Press que houbo varias chamadas preguntando sobre un obxecto que cruzaría o ceo provocando un gran escintileo de cor verde, aínda que non puido confirmar que se trate dun bólido.
Escribe o teu comentario