Holanda ficha enfermeiras nas facultades galegas ofrecendo soldos de máis de 3.000 €
O Sindicato de Enfermaría SATSE alerta que iniciativas como Eduployment serven para que outros estados saquen rédito da boa formación que se ofrece en Galicia e reclaman á Xunta máis contratos estables para paliar a sangría da emigración de mozos titulados.
“Un salario neto medio aproximado de entre 2.630 euros e 3.220 euros ao mes” e “soldos de enfermeiro de 45.000 a 60.500 euros ao ano”. Estes son algúns dos reclamos que está a usar unha empresa holandesa para tentar captar recentemente enfermeiras recentemente licenciadas nas facultades galegas.
Os folletos de Eduployment pódense atopar, por exemplo, na Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago. Ollo, non é unha axencia de colocación nin garante un traballo na sanidade dos Países Baixos. Só é unha escola de holandés a distancia, que cobra polos seus cursos e facilita rexistrar como enfermeira titulada naquel país. Con todo, a súa actividade é síntoma dun dos problemas que arrastra a sanidade galega hai décadas, a emigración de mozos sanitarios.

Canto cobra unha enfermeira recentemente titulada que logre unha praza no SERGAS? “Unha enfermeira recentemente graduada, que traballe un ano enteiro, se lle descontamos o IRPF do 15% e Seguridade Social, nunha quenda simple sobre 1.600 e quenda rotatoria con noites entre 1.900 e 2.000”, responden desde o Sindicato de Enfermaría SATSE.
Por tanto, a media do salario holandés (2.925 euros) resulta un 62% superior á media do salario galego (1.800 euros).
Compensa ese 62% o feito de que a vida en Holanda é máis cara? Se a media do custo da vivenda na UE fose 100, en España sería de 102 e en Holanda de 134. En alimentación, en España sería 97 e Holanda 96. Transporte, 88 en España e 124 en Países Baixos, segundo datos oficiais de Eurostat.
Por tanto, ese 63% de soldo máis alto en Holanda permite un poder adquisitivo notablemente máis alto que en España. Hai que ter en conta, ademais, que empresas como Eduployment ofrecen asistencia para atopar vivenda nos primeiros meses, facilitando alugueres por, din, uns 300 euros ao mes.
Desde SATSE indican que hai “moitos anos” que son coñecedores deste tipo de ofertas de empresas que “tentan levar enfermeiras españolas a outros países, porque hai carencia de profesionais de Enfermaría en todas partes”.
SATSE: “nós investimos no sistema educativo para formar eses profesionais, que están moi ben preparados e logo vanse a traballar para outros países”
O sindicato de Enfermaría alerta que este tipo de emigración prexudica ao sistema sanitario español e galego dado que “nós investimos no sistema educativo para formar eses profesionais, que están moi ben preparados e valorados, e logo vanse a traballar para outros países”.
A consecuencia son os “déficits de persoal”, que non só denuncian SATSE e outros colectivos, senón que a propia Xunta leva anos recoñecendo, especialmente en campos como a atención primaria.
Eduployment opera en España desde 2015, segundo as súas redes sociais. Por onde pasa a solución para evitar que empresas así sigan facilitando a emigración das enfermeiras galegas? “Somos partidarios de que aquí se realicen contratos estables, como mínimo dun ano, e con retribucións acordes á súa categoría profesional e á súa formación. Que teñan uns contratos atractivos para non ter que abandonar a nosa comunidade nin o noso país” sinalan desde o sindicato.
MOITA PRECARIEDADE
Hai que ter en conta que os profesionais de enfermaría son un dos colectivos que maior taxas de temporalidade soportan no SERGAS. Por exemplo, as colectivo Enfermeiras en Loita denunciaba a primavera pasada que “o 66% do persoal de enfermaría das unidades de hospitalización das diferentes áreas sanitarias galegas é persoal temporal”. O 40% de todo o persoal do SERGAS tiña contratos temporais en 2020.
A falta de persoal de enfermaría en Galicia débese a diversos factores, non só á emigración de profesionais. A demanda é maior, debido ao envellecemento da poboación, e durante anos os recortes provocaron tamén o envellecemento do propio persoal do SERGAS, a pesar dos esforzos realizados nas convocatorias de oposicións nos últimos anos.
Por exemplo, en Oferta Pública de Emprego de estabilización do Servizo Galego de Saúde ofertáronse en 2023 máis 1.500 prazas. Inscribíronse na oposición máis de 10.000 e presentáronse ao exame máis de 8.700.
Por tanto, só na OPE de 2023 máis de 7.000 enfermeiras quedaron sen poder acceder ao contrato estable en Galicia para o que se examinaron. Un dato a ter en conta para valorar as explicacións do SERGAS, que a miúdo alega, cando hai queixas de falta de enfermeiras, de que as listas de contratación temporal están buxán.
Quizais unha parte daquelas 7.000 aspirantes fagan as maletas seducidas polos mellores salarios de Holanda e outros países europeos. En Holanda, a xornada laboral, ademais, é inferior á galega, 36 horas á semana fronte ás 40 do SERGAS.
Por que falta tanto persoal sanitario en Europa nos últimos anos?
A carencia de persoal sanitario en Galicia, España e case toda Europa nos últimos anos débese a unha combinación de factores demográficos, económicos, educativos e de condicións laborais. A poboación europea está a envellecer rapidamente, sobre todo nos países do sur, o que incrementa a demanda de servizos de saúde.
Ao mesmo tempo, moitos profesionais da saúde están a chegar á idade de xubilación, reducindo así o número de traballadores dispoñibles no sector. Durante anos, os persoais envelleceron debido a que as administracións alegaban que debían aplicar políticas de austeridade tras a crise do ladrillo.
Ademais, as condicións laborais en moitos países europeos para os profesionais da saúde non son as máis atractivas, incluíndo salarios baixos, longas horas de traballo e tensión, o que desincentiva ás novas xeracións a seguir carreiras no sector sanitario. A todo isto, hai que engadir a carga emocional que supuxo a pandemia do coronavirus.
Así as cousas, moitos profesionais da saúde do sur de Europa buscan mellores oportunidades noutros países dentro e fóra do continente. As diferenzas salariais e de condicións laborais entre os países como España, Portugal ou Grecia -estados nos que opera Eduployment - e outros destinos máis atractivos, como Holanda ou Noruega, fomentan esta emigración.
Tamén existe un insuficiente investimento na educación e formación de novos profesionais da saúde, en parte porque as universidades e escolas de enfermaría tamén teñen dificultades para atopar profesorado e centros onde haxa licenciados dispostos a asumir a carga de ser titores para que as estudantes realicen as súas prácticas.
Escribe o teu comentario