O Vello Cárcere de Lugo quedará sen vixilancia de seguridade en xullo a pesar das denuncias de CSIF
O sindicato reitera ao goberno local que debe garantir a vixilancia e a seguridade do centro "con persoal habilitado para estas funcións, tal e como obriga a Lei".
O Centro Sociocultural 'O Vello Cárcere' de Lugo ten garantido o servizo de vixilancia durante os próximos meses pero, a partir do 30 de xuño, o seu futuro é unha incógnita. Así o fixeron saber desde a Central Sindical Independente e de Funcionarios, que dirixiu diversos escritos ao Concello de Lugo para alertar desta circunstancia e reclamar que tomen cartas no asunto para manter o servizo de seguridade privada que, até agora, viña prestando SEYVI S.L., empresa cuxo vínculo vence en dous meses.
Desde CSIF insisten en que a medida busca garantir tanto "a seguridade cidadá como a dos bens e patrimonio de devandito complexo, así como o cumprimento da Lei" que, de cometer unha infracción, podería acarrerar sancións que poden ascender até os 600.000 euros, que se abonarían das arcas municipais. Por iso, piden que o labor sexa encargada a "persoal debidamente habilitado para esas funcións", algo que reclamaron en escritos á alcaldía e á área de Cultura, responsable deste espazo.
O TRABALLO NON TERMINOU
"Para CSIF, resulta sorprendente a decisión do Concello, tendo en conta que as causas que motivaron a necesidade de prestar un servizo de seguridade no Centro Sociocultural 'O Vello Cárcere' non finalizaron, xa que no mesmo séguense desenvolvendo as mesmas actividades que motivaron a contratación do servizo: exposicións de carácter temporal e permanente, concertos, conferencias, proxeccións de cine e documentais presentacións de libros, etc", detalla o sindicato.
A continuación, lembran que está programada a inauguración dunha cafetaría no local, o que fai aínda máis urxente ese servizo nunha infraestrutura que conta cun informe da Policía Local no que se estipula a necesidade de contar con polo menos un vixiante de seguridade nas instalacións, que teñen, como reza o citado documento, "unha gran afluencia de visitantes, con todos os aspectos positivos que se derivan, pero tamén algúns negativos, pois ocorreron unha serie de comportamentos que se poden cualificar como vandálicos".
Nese sentido, o sindicato considera que sen o cinco vixiantes que prestan hoxe o servizo de seguridade privada só a Policía Local pode suplir ese oco, "o que implicaría detraer efectivos do resto de servizos, co conseguinte prexuízo á cidadanía e a súa seguridade".
Escribe o teu comentario