Gadis e Amicos reforzan a súa alianza en materia social e ambiental
O convenio de colaboración entre as dúas entidades incorpora varias iniciativas conxuntas.
A responsabilidade social e medioambiental son dúas dos alicerces que sosteñen á cadea de supermercados Gadis, que vén colaborando con diversas entidades en diferentes proxectos tanto en Galicia como Castela e León. Esta mañá vén de asinar un novo convenio de cooperación coa Asociación Amicos de Boiro, coa que formará alianza de varios programas conxuntos.
Melisa Pagliaro, directora de Mercadotecnia e RSC de Gadis, e Digna Igrexas, vicepresidenta de Amicos, selaron o acordo este venres na sede da entidade boirense, embarcada en varias obras para mellorar as instalacións para os seus usuarios.
No marco deste encontro tamén se abordaron as distintas iniciativas que desenvolverán ao longo dos próximos meses, como o Calendario Solidario de Amicos 2025 ou os pormenores do festival da inclusión Festiritititi 2024, do que a firma galega é patrocinador, así como aspectos de calado mediambiental, como a plantación do futuro Bosque Gadis, co cultivo de 300 castiñeiros.
"Neste labor ambiental intervirán persoas con discapacidade intelectual, o que suporá un impulso laboral moi importante dirixido a incrementar as súas posibilidades de inserción nun mercado laboral con futuro, en especial a nivel autonómico", sinalan desde Amicos, que cumpre catro anos de colaboración con Gadis onde as dúas institucións traballaron de maneira conxunta para "mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade".
"Para Gadis é un pracer colaborar outro ano máis coa Asociación Amicos, coa que mantemos unha relación moi estreita. Esperamos que esta colaboración se manteña por un longo tempo", apuntou Pagliano, mentres que desde Amicos subliñan que o pacto "fortalece a nosa misión de mellorar as posibilidades de inserción das persoas con discapacidade intelectual no mercado laboral, así como accións que repercuten directamente no traballo pola mellora das súas condicións de vida".
Escribe o teu comentario