(TRAILER) 'Julia', a vida dunha avoa galega documentada polo seu neto, chega á gran pantalla
O filme, preestrenado en febreiro de 2022 en Vilalba e tras dar a volta ao mundo en distintos festivais de cine, vivirá a súa estrea esta semana en Lugo.
A vida de Julia podería ser a doutra muller da súa xeración en Galicia. A diferenza, é que a Julia filmárona durante 8 anos, co seu neto Jacobo Lagüela alén da cámara para facer unha película que leva por título o nome da protagonista. O director galego, aínda que desenvolve a súa carreira profesional en Bristol, dedicou case unha década a documentar a vida da súa avoa, nunha homenaxe a todas as mulleres rurais que, como Julia, axudaron a sacar adiante á súa familia e á sociedade.
A estrea será este xoves 14 de setembro nos cines Codex de Lugo, ás 20:30 horas. Lagüela, como non podía ser doutra forma, estará na estrea, para o que espera contar cunha acollida tan boa como a recibida en Reino Unido, Brasil, Italia ou India en distintos festivais de cine que aplaudiron en resultado do seu proxecto.
Tras a película terá lugar un coloquio co director onde poder compartir experiencias e reflexionar sobre o legado que, como o de Julia, permanece vivo nas xeracións actuais, criadas por todas esas avoas sacrificadas e silentes. Escolas, concellos e asociacións culturais de todo o país recibirán tamén o documental para difundir os ensinos de Julia.
"Este conmovedor produto audiovisual busca chegar a aqueles lugares onde a súa mensaxe e a súa historia poidan inspirar e emocionar a mozas e maiores do rural e da urbe", describe a campaña promocional dunha peza cuxa sinopsis resume en que "Julia é memoria histórica e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos onde imos".
Escribe o teu comentario