Catalunya é a CCAA onde máis xente se acolleu á eutanasia en 2022
A Lei da Eutanasia entrou en vigor en España hai dous anos, o 25 de xuño de 2021
Un toal de 295 persoas acolléronse durante o 2022 á eutanasia, aínda que cunha "gran disparidade" de implementación entre as comunidades autónomas, segundo as cifras que presentou este xoves a asociación Dereito a Morrer Dignamente.
A Lei da Eutanasia entrou en vigor en España hai dous anos, o 25 de xuño de 2021. Desde entón, DMD recolleu toda a información posible para avaliar a súa posta en práctica, identificar fallos e acertos e propor camiños de mellora.
Segundo os datos de DMD, realizáronse 370 eutanasias entre xuño de 2021 e decembro de 2022. De acordo cos seus cálculos, "probablemente máis de 1.000 solicitárona".
"É unha boa noticia e a constatación de que era unha norma necesaria. É de esperar que a cifra creza nos próximos anos, a medida que este dereito se consolide entre a cidadanía e mellore a resposta dos servizos sanitarios", resaltaron os portavoces de DMD Fernando Marín e Fernando Sanz en rolda de prensa.
Así, en 2022, a eutanasia supuxo menos do 0,07% do total de falecementos anuais en España. Esta porcentaxe, tal e como lembraron, está "moi afastado" do de países onde o dereito á morte asistida está ben asentado, onde representa entre o 1 e o 4% do total de defuncións.
Escribe o teu comentario