O BNG da Coruña presenta unha moción para apoiar a SOS Sanidade Pública
Os nacionalistas municipais instan ao apoio a destinar máis recursos a Atención Primaria, para acabar coas listas de agarda e o colapso das urxencias sanitarias
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego da cidade da Coruña fíxose eco da proposta presentada por SOS Sanidade Pública e pediu ao Concello da Coruña apoio á iniciativa lexistalativa a favor do reforzo da Atención Primaria que a plataforma levará ao Parlamento.
O BNG local fíxose eco desta Iniciativa Lexislativa Popular a través dunha moción que debaterá no pleno municipal o vindeiro xoves, 10 de novembro. "Como Concello da Coruña, ademais de apoiar a ILP, debemos colaborar activamente na recollida de sinaturas e nas mobilizacións e actividades informativas de carácter unitario que se realicen, para ter unha Atención Primaria de calidade", afirma a concelleira nacionalista Avia Veira.
"O colapso da atención primaria é produto de políticas de desmantelamento do público e de promoción dos intereses da sanidade privada, impulsadas polo Partido Popular desde a Xunta de Galicia", segundo estima o BNG, en concordancia coas posicións que defende SOS Sanidade Pública, unha plataforma integrada por diversas organizacións sociais, sanitarias, de doentes, sindicais e políticas.
Na súa moción, o BNG denuncia que as reducións de persoal, a prioridade de consulta telefónica sobre a presencial, as dificultades para contactar con centros e conseguir cita e o peche de consultas e centros de PAC, entre outros asuntos, "impiden o acceso normal á asistencia sanitaria á poboación e crean listas de espera inaceptables para un sistema sanitario público nun país desenvolvido".
Seguindo a proposta de SOS Sanidade Pública, o BNG somete a debate a próxima semana o apoio a unha serie de medidas que pretende que se aproben no Parlamento, con forma de lei. Algunhas destas medidas son establecer a atención presencial ao paciente como regra xeral para as consultas médicas; fixar uns mínimos na dispoñibilidade de centros e persoal por habitante; acabar coa inestabilidade e a precariedade do persoal, realizando, como mínimo, unha convocatoria anual de prazas, ou reabrir as consultas, centros de saúde e PAC pechados nos últimos anos.
Escribe o teu comentario